O Día das Rapazas nas TIC celebra o 24 de abril a súa 13ª edición, organizada polo CESGA, o CPEIG e Igualdade
martes, 15 de abril do 2025
A Área de eLearning do Centro de Supercomputación de Galicia (CESGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) organizan este mes de abril, xunto con Igualdade da Xunta, a 13ª edición do Día Internacional das Rapazas nas TIC (International Girls in ICT Day), actividade destinado a motivar ás novas xeracións de mozas para que consideren o ámbito das TIC (Tecnoloxías da Información e a Comunicación) para o seu desenvolvemento académico, investigador e profesional.
O evento celebrarase o vindeiro xoves, 24 de abril, de 11:00 a 13:30 horas na sede do CESGA. O acto será inaugurado pola directora da Axencia Galega da Innovación e presidenta do CESGA, Carmen Cotelo Queijo; a directora xeral de Promoción da Igualdade da Xunta de Galicia, María Quintiana Pérez; o presidente do CPEIG, Fernando Suárez.
A actividade, destinada ao alumnado de primaria e secundaria de Galicia, consistirá nunha charla que se retransmitirá en vivo a través de Internet, na que participarán profesionais galegas que contarán dun xeito inspirador a súa traxectoria, no que traballan, e o que a tecnoloxía pode aportar en diversos eidos para mellorar a vida de todas e todos.
Participarán na mesa redonda, moderada pola coordinadora da Área de eLearning do CESGA, María José R. Malmierca, catro destacadas tecnólogas galegas que traballan e investigan en ámbitos relacionadas coas novas tecnoloxías, desde perspectivas moi distintas: Marta Losada Estévez, Yolanda Blanco Fernández, Nadezhda Lucía Techera Salvador e Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS).
Desde uns 20 centros escolares máis de medio millar de estudantes poderán enviar preguntas e inquedanzas en directo para poder ter ese diálogo directo coas tecnólogas convidadas. Tamén de forma presencial e ao remate do coloquio, as estudantes presentes realizarán unha visita guiada ás instalacións do CESGA para coñecer o superordenador Finis Terrae III e o ordenador cuántico galego Qmio.
A inscrición para os centros aínda está aberta na web da Área de eLearning do CESGA.
E as relatoras do coloquio deste XIII Día das Rapazas nas TIC 2025 do CESGA serán:
- Marta Losada Estévez, graduada en Física pola USC e compañeira do CESGA. Está formándose no eido da Computación Cuántica co seu TFG e no Máster en Ciencia e Tecnoloxías da Información Cuántica da USC. Arestora forma parte dun grupo que está a desenvolver un simulador de computación cuántica distribuída.
- Yolanda Blanco Fernández, doutora en Enxeñería de Telecomunicación e profesora titular no Departamento de Enxeñaría Telemática da Universidade de Vigo (UVigo). Traballa como investigadora en atlanTTic (Centro de Tecnoloxías de Telecomunicación da UVigo) onde ocupou a subdirección até asumir o seu actual cargo como directora da Área de Dixitalización desta universidade. A súa actividade investigadora inclúe sistemas de personalización e recomendación (técnicas de modelado de usuarios e estratexias de filtrado), Web Semántica, desenvolvemento de servizos e aplicacións para redes móbiles ad-hoc e, no eido da Intelixencia Artificial, está centrada no emprego de modelos de Deep Learning baseados en arquitecturas Transformer para o procesado de linguaxe natural en diferentes dominios de aplicación.
- Nadezhda Lucía Techera Salvador, estudante do grao en Enxeñería Aeroespacial na UVigo e forma parte do departamento de Aerodinámica na asociación UVigo Motorsport, o único equipo galego na Fórmula Student, unha competición automobilística entre estudantes de universidades de todo o mundo que promove a excelencia na enxeñaría a través dun concurso de automóbiles onde cada equipo universitario deseña e constrúe un vehículo monopraza co que se compite.
- Alejandra Lugilde (Simbeli en RRSS), é enxeñeira informática de 29 anos especializada en Intelixencia Artificial, graduada pola Universidade Politécnica de Madrid en 2017. Conta cunha ampla experiencia no desenvolvemento de software, arquitectura de solucións e liderado de proxectos tecnolóxicos, salientando na modernización de plataformas na nube e na optimización de equipos técnicos. Na actualidade, desempeña dous roles clave: como Global GSC Practice Lead, dirixe no seu departamento a nivel global a estratexia e mellora dos procesos de traballo dos equipos, impulsando a eficiencia e a resolución de desafíos técnicos e organizativos; e como Technical Architect, lidera proxectos cloud de gran complexidade. Fóra do ámbito tecnolóxico, Alejandra tamén é coñecida en redes sociais como Simbeli_, onde suma máis de 3 millóns de seguidores e seguidoras en TikTok, Instagram e YouTube.
Para rematar sinalar que detrás da organización deste Día das Rapazas TIC se atopa: o Centro de Supercomputación de Galicia-CESGA (dependente de GAIN e CSIC), Igualdade da Xunta de Galicia, o Colexio Profesional de Enxeñaría Informática (CPEIG) e a colaboración do CITIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes).
Engadir, a xeito de colaboradoras e colaboradores: á Xunta de Galicia: (Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP e a AMTEGA); á Asociación de Mulleres Investigadoras e Tecnólogas, sección Galicia (AMIT-Gal); á Asociación .GAL; á USC (Facultade de Ciencias da Educación, Woman Emprende e Oficina de Igualdade); á Facultade de Informática da UDC; á Escola de Enxeñaría de Telecomunicación da UVigo e aos Colectivos Hello Sisters! e GalsTech.