O ForoTelecos Galicia puxo en valor o traballo dos enxeñeiros de telecomunicacións para o rural

luns, 25 de novembro do 2024 Redacción

O pasado venres o Hotel Mercure de Lugo acolleu o V ForoTelecos Galicia, cita organizada polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Técnicos en Telecomunicacións de Galicia, que serviu como punto de debate e reflexión a través dunha xornada formativa técnica, así como tamén acolleu o acto de entrega dos Premios Enxeño 2024 co que se celebraron os logros e a innovación no sector das telecomunicacións.
O deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera Capón, participou na inauguración do evento que levaba como lema As telecomunicacións no rural, aproveitando a súa intervención para pór en valor o labor que desenvolven os enxeñeiros de telecomunicacións para o rural da provincia «que necesita profesionais coma vós, que non só ven o potencial, senón que o fan realidade. Hoxe, grazas a ese traballo, podemos dicir que o rural non está á cola da transformación dixital, senón que é un exemplo de resiliencia e de aposta polo futuro».
A xornada formativa técnica que serviu de inicio deste encontro de profesionais das telecomunicacións da nosa comunidade consistiu nunha mesa redonda sobre As redes de telecomunicación en estados de emerxencia, moderada por Santi Moroño (membro da xunta directiva do COETTGA), e na que participarán Luís Pérez Roca (Gradiant), Isaac Ballesteros (Centum), Pilar Chapela (Retegal) e Antonio Rodicio (MasOrange); continuando cun coloquio previo á entrega dos Premios Enxeño 2024.

Premios Enxeño 2024

Estes Premios Enxeño 2024 recoñecen a traxectoria de profesionais e entidades do mundo das telecomunicacións, entre os que destaca a figura de Fernando Pérez, investigador de atlanTTic e catedrático de Teoría do Sinal e Comunicacións da Universidade de Vigo, quen recibiu o galardón de Excelencia na investigación en telecomunicación e transferencia á empresa.
O catedrático agradeceu a distinción e recoñeceu que “sempre fai ilusión recibir un premio”, pero “aínda máis cando o conceden os profesionais do noso sector, porque eles mellor ca ninguén poden avaliar una traxectoria”. Con todo, como salientaba no seu discurso, “xa me daba por máis que premiado, porque en edicións anteriores acadaron este galardón a empresa Optare e o centro tecnolóxico Gradiant, que axudei a poñer en marcha; así como brillantes ex alumnos como Samuel Fernández Menduiña ou Alfonso Álvarez Villamarín; a empresa Televés, coa que levo colaborando durante máis de 25 anos e a Escola de Enxeñaría de Telecomunicación de Vigo, na que levo máis de 30 anos como docente”.
Xunto con Pérez, foron distinguidos tamén cun premio Enxeño Alberto Prieto, director técnico de Tredess, pola súa traxectoria de innovación e I+D na industria electrónica; María Xosé Miguéns, Grandes contas B2B en R Cable MásOrange pola estratexia comercial e dirección de equipos nas telecomunicacións; Ignacio Otero, subdirector xeral de Enxeñería e Planificación de Radio, TV e Multimedia da Xunta de Galicia, pola traxectoria institucional na administración pública de telecomunicacións; e Iván Castro, CTO en Estrella Galicia, Colexiado do Ano pola transformación tecnolóxica aplicada a grandes empresas.