O GaiásTech acolle este xoves a celebración do 10ª aniversario da Oficina de Concellos

mércores, 18 de xuño do 2025 S. P.

A Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e a Asociación de Enxeñeiros de Telecomunicación de Galicia (AETG) organizan este xoves a xornada conmemorativa do 10º aniversario da Oficina de Concellos, que forma parte do programa de actividades de divulgación e asesoramento á sociedade en xeral, e en especial aos axentes implicados no ámbito regulamentario das telecomunicacións.
A charla terá lugar este xoves 19 de xuño, ás 11.00 horas, no GaiásTech na Cidade da Cultura e será impartida polo responsable técnico da Oficina Concellos, Javier Fernández Fraga e contará coa colaboración do director da Área de Sociedade Dixital da Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia, Miguel Rodríguez Quelle.
O acto centrarase nos principais fitos acadados pola Oficina Concellos ao longo da última década, así como na presentación dos aspectos máis destacados do novo regulamento (UE) 2024/1309 da infraestrutura Gigabit sobre as entidades locais.
A xornada está orientada ás entidades locais e a outros axentes do sector.
As confirmacións de inscrición realizaranse por rigorosa orde de chegada ata completar aforo. O acto é de carácter presencial con aforo limitado e realizarase tamén retransmisión vía streaming. A inscrición debe realizarse a través da ligazón habilitada.
Servizo de asesoramento a concellos
Esta conferencia nace como unha iniciativa da Oficina Concellos xestionada pola AETG no marco do convenio firmado coa axencia autonómica. A Oficina Concellos ofrece un servizo de asesoramento e soporte especializado sobre normativa e solucións técnicas para o despregadura de infraestruturas de telecomunicación. Calquera concello que precise de axuda neste ámbito pode chamar ao teléfono 981 91 35 76 en horario de luns a venres de 9:00 a 14:00h ou ben enviar a súa consulta ao enderezo de correo electrónico oficinaconcellos@aetg.gal.