O Galicia Podcast Summit quere fortalecer a comunidade galega do podcasting

xoves, 30 de maio do 2024 Marcus Fernández

O centro de empresas Accede Papagaio da Coruña serviu de escenario para a segunda edición do Galicia Podcast Summit, encontro que baixo o título Como e por que gravamos podcasts? xuntou a interesados polo podcasting para compartir coñecemento e afondar nunha disciplina que cada día ten un maior pulo.
O encontro comezou cunha intervención en remoto da comunicadora social e podcasteira Marcela Díaz, quen explicou a súa relación persoal co mundo do podcasting e como está a vivirse o fenómeno en América Latina. A responsable de El podcast de café tamén fixo un repaso dos seus podcasts de referencia de ambos lados do Atlántico e animou aos presentes a crear e consumir podcasts.
Tras a conexión virtual desenvolveuse unha charla debate sobre o tema central do encontro, contando coa participación da educadora canina Patricia Guerrero, a xestora de podcasts Cristina Fuertes e o profesional do márketing en liña Rubén Bastón, moderados polo podcasteiro Leo Menéndez, quen tamén agradeceu a contribución ao evento de Javier Valenzuela e Sandra García da cooperativa Tako, organizadores da cita.
Entre as contribucións que fixo ao debate Patricia Guerrero podemos destacar o feito de que explicou como gravaba o seu podcast (que xa acumula 241 entregas) mentres pasea o seu can, polo que é un bo exemplo de que o apartado técnico non é un factor que limite á hora de iniciarse na creación de podcasts.
Rubén Bastón, pola súa banda, deu conta do seu proxecto Marketing4eCommerce e de como encaixaron no mesmo un podcast, que pertence a un dos podcasts que inclúe vídeo, tendencia que se destacou en varias ocasións durante a xornada, insistindo Bastón no feito de que, aínda que o podcasting ten os seus espazos de seu, e a reciclaxe dos seus contidos noutras plataformas ten pouco retorno directo nos podcasts, pero permite ter outras audiencias diferentes, polo que cadaquén pode optar por unha ou outra estratexia á hora de elixir como distribúe os seus contidos.
Pechou o encontro Nicolas Carbone, médico de familia uruguaio que traballa en Porto do Son, quen explicou o seu emprendemento tecnolóxico, FiveCast, unha plataforma social que conecta ás persoas a través de fragmentos sonoros cunha duración máxima de 5 minutos, deixando caer que a plataforma social de audio pode ser un espazo máis onde dar a coñecer podcasts a través de petiscos dos mesmos.
O Galicia Podcast Summit prepara xa a súa terceira edición, o vindeiro 26 de xuño, polo que os interesados en participar poden inscribirse para así garantir que terán unha cadeira dispoñible e recibirán información sobre a vindeira cita que, tras unha pausa estival, pretende celebrarse con periodicidade mensual.

Como e por que gravamos podcasts? foi o eixe da xornada celebrada na Coruña
Ao encontro acudiron tanto creadores como consumidores de podcasts