O Goberno achegará máis financiamento á USC para seguir apoiando unha IA en galego

martes, 28 de abril do 2026 S. P.

A secretaria de Estado de Dixitalización e Intelixencia artificial, María González Veracruz, mantivo un encontro en Compostela con Senén Barro, director do centro de investigación CITIUS da Universidade de Santiago, para valorar os resultados dos traballos financiados con 3,4 millóns de euros polo Goberno de España e que foron clave para a presenza do galego no desenvolvemento da familia pública e soberana de modelos de IA ALIA.
Veracruz avanzou que a continuidade do proxecto de IA en galego da USC “está garantida”, tamén o apoio económico, para seguir fortalecendo o uso da lingua e desenvolver unha intelixencia artificial na nosa lingua.
A Universidade de Santiago, a través do seu centro de investigación CITIUS e do Instituto da Lingua Galega, xa recibira 3,4 millóns de euros financiados en exclusiva pola Secretaría de Estado para potenciar o galego na era dixital.
Tras o éxito da colaboración, a secretaria de Estado avanzou que haberá máis financiamento para o galego, como xa se compartiu coa Xunta de Galicia para que contribúa economicamente, do mesmo xeito que fixeron todas as comunidades autónomas con lingua propia.
Veracruz explicou que “estamos a demostrar que se poden desenvolver modelos exitosos de IA nas linguas oficiais, como o galego, revalorizándoas social e economicamente, conservando a nosa riqueza lingüística e cultural e impulsando unha industria ao redor das tecnoloxías da linguaxe”.
Entre os resultados obtidos polo CiTIUS tras case tres anos de traballos destacan os corpus masivos en galego e a creación de modelos de linguaxe abertos e cun deseño responsable. Estes obxectivos, dixo Veracruz, “están aliñados coa aposta do Gobierno de España, a través do desenvolvemento da familia de modelos de IA pública e soberana ALIA, para potenciar tecnoloxías da linguaxe para as linguas do Estado”.
Lembraron tamén que o 95% da intelixencia artificial no mundo está adestrada en inglés, prexudicando gravemente a outras culturas e linguas como a galega, e achegando unha visión parcial e nesgada do mundo baixo o prisma anglosaxón.
“Este programa non só fai posible a presenza do galego no adestramento da intelixencia artificial, senón que evita a súa extinción dixital”, engadiu a secretario de Estado.