O ITG dixitaliza a enerxía renovable transformando o actual sistema eléctrico
xoves, 28 de agosto do 2025
O ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia) compartiu información sobre un proxecto no que xoga un papel decisivo, o proxecto Brain2Power, un ensaio pioneiro nas illas Canarias que, segundo sinalou o centro tecnolóxico galego, “transformará a forma na que se produce, almacena e xestiona a enerxía en España unindo Intelixencia Artificial e enerxías renovables”.
O obxectivo desta iniciativa pasa por deseñar, desenvolver e validar un novo modelo de xestión de infraestruturas enerxéticas, baseado nas Virtual Power Plants (VPP). Segundo informa o ITG, estas plantas de enerxía virtuais permiten coordinar distintas fontes de enerxía renovable (solar, eólica e mariña), sistemas de almacenamento en baterías e hidróxeno verde, xestionando de forma automática a xeración, o consumo e o almacenamento enerxético, grazas á Intelixencia Artificial e a ferramentas dixitais de última xeración. “Estes traballos”, engade o centro coruñés, “permitirán, por primeira vez en España, ensaiar e demostrar a viabilidade de novos modelos de negocio no ámbito da enerxía, centrados no mercado local e o comercio directo de enerxía peer-to-peer (entre pares)”. Isto significa que empresas, comunidades enerxéticas, prosumidores e usuarios poderán intercambiar enerxía limpa de forma directa, segura e eficiente, xerando beneficios tanto para o medio ambiente, como para a economía local.
“Esta fórmula abre a porta a sistemas enerxéticos máis flexibles e personalizados, facilitando o aforro e a competitividade de empresas e cidadáns”, sinala o ITG, engadindo que a plataforma experimental servirá como banco de probas a escala industrial para validar, na práctica, os sistemas e ferramentas para a xeración, almacenamento e xestión dixitais da enerxía.
Tras a súa demostración, os resultados poderían aplicarse de forma efectiva en portos, campus universitarios, polígonos industriais ou comunidades enerxéticas, “contribuíndo a un sistema enerxético máis sostible, descentralizado e participativo”.
Esta instalación atópase apoiada no fondo mariño, a 30m de profundidade, e a 1.5km da costa no NE da illa de Gran Canaria. Contén laboratorios de uso multidisciplinar para análise de variables biogeoquímicas na columna de auga, área na cuberta principal e hangar con equipamento para operacións de carga e descarga de materiais dispoñibles para os ensaios experimentais, así como outras instalacións de uso xeral tales como talleres, guindastres, pórtico e demais equipamento para dar soporte básico á operación.
Ten unha capacidade máxima para 40 persoas, e conta cunha autonomía de 15 días para 15 persoas. Para iso dispón de salas de reunións, aulas, comedor, cociña e estancias para descanso. Ofrece ademais espazos na súa propia estrutura para aloxar diversos dispositivos de observación e medición (ex. corrosión, solares…).
Para Santiago Rodríguez Charlón, director da División de Enerxía de ITG, “a nosa actividade nas Canarias é moi intensa nos últimos anos, achegando tecnoloxía de dixitalización enerxética e sustentabilidade para entidades como a Autoridad Portuaria de Tenerife, o Instituto de Energías Renovables de Canarias (ITER), a Institución Ferial de Canarias (INFECAR) ou a Plataforma Oceánica de Canarias (PLOCAN)".
ITG deseñará e validará un ecosistema dixital intelixente, baseado en xemelgos dixitais enerxéticos, plataformas web de última xeración e modelos de simulación preditiva, que permitirá anticipar escenarios, optimizar a flexibilidade da rede e habilitar novos modelos de negocio en mercados enerxéticos descentralizados.
O centro tecnolóxico coruñés lidera o desenvolvemento da arquitectura dixital de próxima xeración para a planificación, avaliación e operación optimizada de VPP e mercados locais de enerxía, integrando algoritmos avanzados de predición, optimización multiobxectivo e control autónomo.
Os traballos, liderados por PLOCAN, e nos que tamén participa a empresa Regenera Levante S.L., contan cun financiamento de 1,5 millóns de euros a través do Instituto para la Diversificación y el Ahorro de la Energía (IDAE), procedentes dos fondos europeos Next Generation EU, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.
