O ITMATI desenvolveu 60 proxectos dende a súa posta en funcionamento
martes, 31 de xullo do 2018
O
Instituto
Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), con sede no Campus
Vida da USC, vén de facer reconto do acadado en 2017 e, por
extensión, dos logros obtidos dende a súa posta en marcha (en
2013 da man das nosas tres universidades). Segundo informou a súa
directora, Peregrina Quintela, catedrática de Matemática Aplicada
da USC, o ITMATI conta a día de cun equipo humano de máis de 100
persoas e foi quen de desenvolver, dende os seus inicios, 60 proxectos nos máis variados sectores: enerxía, motor, materiais,
informática e telecomunicacións, aeronáutica, loxística ou medio
ambiente.
No
que se refire aos números propiamente ditos, a cifra de negocio de
ITMATI ascende aos 4.502.120,35 euros. Ademais, en 2017 obtivo unha
facturación (sen IVE) de 1.585.513,83 euros, da cal o 89,37% foi
captada a través de contratos e proxectos competitivos de
transferencia, cun incremento de ingresos con respecto ao ano 2016
dun 41,91%. Segundo se explica no informe, os resultados económicos
do centro indican “que será auto-sustentábel a medio prazo”, de
xeito que o seu orzamento “chegue a basearse sobre todo no
financiamento privado ou obtido a través de proxectos competitivos”.
Desde
a súa constitución, o instituto puxo en marcha 61 contratos con
empresas e entidades, entre os que se inclúen varios proxectos no
marco de convocatorias FEDER Innterconecta, Conecta PEME, proxectos
estratéxicos e PDI xestionados polo Centro para o Desenvolvemento
Tecnolóxico Industrial (CDTI), un proxecto do Programa Estratéxico
de Consorcios de Investigación Empresarial Nacional (CEN) xestionado
por CDTI, proxectos competitivos, contratos directos con empresas,
iniciativas en varias convocatorias do goberno noruegués, convenios
de colaboración tecnolóxica con institucións e entidades, cursos
de formación, unha unidade mixta de investigación con Repsol ao
abeiro dunha convocatoria da Axencia Galega de Innovación e varios
proxectos europeos no marco do programa H2020.
Todos
estes contratos céntranse en tres grandes áreas de transferencia:
simulación, estatística e Big Data (ferramentas de xestión
e análise da información a gran escala). As solucións achegadas
nestes tres ámbitos, sinala o ITMATI, “integran a tecnoloxía
matemática máis innovadora e avanzada para contribuír de forma
decisiva a xerar valor engadido en múltiples sectores de actividade
económica”.