O ITMATI mostra en Santiago como facer funcionar un GPS en interiores ou como previr eficazmente un ictus

xoves, 7 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Este 8 de xuño celébrase en Santiago a décimo terceira edición do Foro de Interacción Matemática Industrial, na Facultade de Matemáticas da USC. O encontro servirá unha vez máis para mostrar a rica confluencia, en posibilidades e en materializacións concretas, do cómputo coas novas tecnoloxías da información. Ou sexa, entre números e datos, por unha banda, e sistemas para xestionalos, contabilizalos, debullalos e extraer deles conclusións de valor, pola outra. Entre outros froitos desta interacción poderemos ver como as novas técnicas matemáticas deron coa fórmula para facer realidade o GPS para interiores ou para prognosticar ictus en fases temperás da nosa vida.
Respecto deste último achado do ámbito da eSaúde, será Lincbiotech, firma da galega Conexiona, quen dea a coñecer os detalles do mesmo: unha técnica pioneira baseada en novas metodoloxías de computación e análise matemática aplicadas a imaxes de resonancia magnética. Esta técnica, segundo se vai facer saber mañá, posibilitará non só un diagnóstico preciso, senón tratamentos máis específicos e eficaces contra o ictus. O resultado en termos concretos? Pois que grazas a este proxecto, pódese diminuír a mortalidade pola dita doenza nun 10 por cento e as secuelas nun 20 por cento (estimados segundo a experiencia clínica), así como as estadías hospitalaria en máis de dous días, reducindo os custos hospitalarios nuns 3.600 euros por paciente. Son datos avanzados por Carlos Sande, director executivo (CEO) de Lincbiotech, a firma de raizame galega que desenvolve a devandita técnica, xunto coa Fundación Ramón Domínguez.
Máis detalles do foro
Volvendo ás características do Foro de Interacción Matemática Industria, sinalar que constitúe un punto de encontro entre compañías (que expoñen as súas problemáticas) e científicos capaces de facer do modelado, a información masiva (Big Data) e a enxeñaría asistida por computador “unha oportunidade de calidade, diferenciación e éxito empresarial”, segundo explica Peregrina Quintela, directora do Instituto Tecnolóxico de Matemática Industrial (ITMATI), que organiza a xornada.
Entre estas tecnoloxías, amais da de Lincbiotech, atópanse as contribucións da galega Situm, outra das participantes, que presenta Situm Indoor Location, unha plataforma para transformar calquera móbil nun eficaz navegador alí onde o GPS non chega, e que xa guía de maneira precisa a persoas polo interior duns 3.000 edificios de máis de 20 países.
Segundo informa Elena Vázquez Cendón, decana de Facultade e membro do comité científico do encontro compostelán, “as matemáticas son quen de afrontar retos de moita actualidade e novidade en ámbitos tremendamente distintos e fundamentais da sociedade”, non só na saúde e na loxística, eidos dos que son exemplos sobranceiros os sistemas de Lincbiotech e Situm, senón tamén no medio ambiente. Neste ámbito green móvese a empresa Treelogic, outra das firmas participantes no evento, que fornece recursos de eficacia, eficiencia e aforro no uso e abastecemento de auga. Segundo explica Julia Lastra, responsábel de Treelogic, “as tecnoloxías de Deep Learning permiten estimar cun 80 por cento de acerto se se puxo a lavadora, enchido unha piscina ou se hai fugas dentro dun fogar con só coñecer a lectura do contador, e de maneira automática”.
Tamén presentarán as súas revolucionarias e innovadoras iniciativas as firmas Biomasa Forestal (recollida e análise de datos para fomentar a Industria 4.0 no sector madeireiro), Everis, Coren ou Cofrico.
Entre o público haberá estudantes procedentes dos graos, másteres e doutoramentos relacionados con matemáticas das tres universidades galegas, a Universidade da Coruña, a Universidade de Vigo e a Universidade de Santiago de Compostela. O encargado abrir as xeiras da xornada será Rubén Gayoso, xerente de ITMATI, que presentará os resultados do centro en 2017 e de cinco anos de éxito transferindo matemática á industria. As entidades colaboradoras do XIII Foro de Interacción Matemática Industria son a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia a través da Rede Tecnolóxica de Matemática Industrial (Rede TMATI) e do convenio que ITMATI ten con esta Consellería.

PUBLICIDADE