O Máster en Ciberseguridade da UVigo e a UDC converterá a nosa terra nunha factoría de especialistas en protección

venres, 25 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

A ciberseguridade é un problema que nos atinxe a todas e todos. Para atallala e obter respostas de utilidade, non hai dúbida de que unha resposta primeira e inapelábel é o subministro de profesionais cualificadas/os e con coñecementos avanzados na materia ás empresas, organismos e entidades públicas da nosa contorna e de máis alá. Esta é unha das razóns de ser do Máster en Ciberseguridade que se presentou onte pola mañá e que a partir do vindeiro curso 2018-2019 impartirán as universidades de Vigo e A Coruña.
En palabras de Ana Fernández Vilas e Carlos Carlos Dafonte, docentes e coordinadores do máster, o obxectivo é adestrar profesionais ben formados nas técnicas, procesos e aplicacións da ciberseguridade e da protección da información. Ao rematar o mestrado, terán capacidade para dar forma a sistemas seguros de datos. A iniciativa conta coa participación dos centros AtllantTIC (Universidade de Vigo) e CITIC (Universidde da Coruña).
O programa, que ofrecerá 40 prazas, 20 por cada unha das dúas sedes, foi dado a coñecer ao detalle no salón de actos da Escola de Enxeñaría de Telecomunicación, nun acto que comezou coas intervencións do reitor en funcións da Universidade de Vigo, Salustiano Mato, e da vicerreitora de Oferta Académica e Innovación Docente da Universidade de A Coruña, Nancy Vázquez.
Segundo fixeron saber, o mestrado consta de 90 créditos ECTS, divididos en tres semestres, cun primeiro ano de clases presenciais, a elixir entre as sedes de A Coruña e Vigo e un último semestre con prácticas en empresas e un traballo final. “A ciberseguridade non é unha disciplina soamente técnica, senón que combina análise, xestión organizativa e manexo de situación, é un eido de coñecemento en construción, polo que existen moitas posibilidades de desenvolver proxectos e retos profesionais en colaboración dentro de empresas de campos moi distintos”, explican os coordinadores da actividade formativa, salientando “a modernidade, a amplitude e o equilibrio do programa de estudos do mestrado”. Segundo fan saber, a ciberseguridade debe ser percibida publicamente “como un elemento básico, pero feble das tecnoloxías da información, e require unha información especializada tanto no aspecto técnico como no de xestión”.
Co catedrático de AtlantTIC Fernando Pérez como moderador, celebrouse a primeira parte da xornada técnica organizada co gallo da presentación do mestrado, na que se abordou “o valor estratéxico do máster para a sociedade”. Ignacio Caño, responsábel de Innovación e Emprendemento de INCIBE, explicou o labor desenvolvido polo Instituto Nacional de Ciberseguridade de España e xustificou a posta en marcha do mestrado “en resposta a unha demanda das empresas nun mundo en transformación dixital e no que a demanda de solucións en ciberseguridade aumenta”.
Pola súa banda, Iago Fortes, en representación da Rede Galega de Ciberseguridade, Fernando Súarez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG), e Arturo Ribargoda, da Rede de Excelencia Nacional de Investigación en Ciberseguridade, analizaron as perspectivas de emprego en Galicia, así como o ámbito da investigación. A xornada finalizou centrándose nas necesidades formativas e novos modelos empresariais, contando coa participación de representantes de Deloitte, ABANCA, Eleven Paths, Grupo PSA e Gradiant.

PUBLICIDADE