O Tribunal Supremo dos EE.UU. mantén a prohibición de TikTok a partir do vindeiro domingo

venres, 17 de xaneiro do 2025 Marcus Fernández

Está previsto que o vindeiro domingo TikTok pase a prohibirse nos EE.UU. ante a súa negativa a venderse a unha compañía estadounidense por considerarse que as súas operacións supoñen unha ameaza para os cidadáns. A compañía chinesa opuxérase á lei que prohibe as súas actividades se continúa a estar baixo o control do Partido Comunista chinés, e finalmente o Tribunal Supremo dos EE.UU. confirmou as súas resolucións anteriores, polo que o único que permitiría adiar a prohibición de TikTok sería a presentación de probas de negociacións para unha operación de venda da compañía.
O Tribunal tivo que ponderar se a prohibición de TikTok vulneraba a Primeira Emenda constitucional, concluíndo que TikTok non podía ampararse baixo tal protección por ser de propiedade estranxeira.
O que vai acontecer agora é toda unha incógnita, pois resulta difícil que se poidan facer efectivas as medidas contra ByteDance nunha xornada de domingo, e dado que o propio luns é cando Donald J. Trump toma posesión como presidente dos EE.UU., e ten manifestado querer interceder neste asunto (asegurando que analizará a situación en breve), as incógnitas son aínda maiores.
Cómpre lembrar que estamos a falar de medidas que só afectarían aos EE.UU., polo que nun principio os usuarios europeos deberiamos poder seguir a empregar TikTok con total normalidade, aínda que a presenza de TikTok nas tendas de aplicacións de Google e Apple podería resultar difícil de xestionar.