O Videoxoga Fest celebrará a súa segunda edición a semana que vén
martes, 18 de marzo do 2025
O vindeiro 28 de marzo o CESUGA na Coruña vai acoller a segunda edición do Videoxoga Fest, un evento educativo con relatorios, premios e torneos orientado ao sector do desenvolvemento de videoxogos, que servirá tamén para a presentación dos proxectos finais creados polos alumnos do ciclo superior de Animación 3D e videoxogos de CESUGA.
Este encontro quere potenciar o talento e o emprendemento no sector dos videoxogos independentes e premiar a súa achega ao avance da industria, creando novas formas de xogo que viran ao redor de ideas novas e disruptivas.
Aos premios do Videoxoga Fest poden presentarse obras galegas desenvolvidas entre os anos 2024 e 2025 por parte de estudios de pequeno tamaño e recente creación coas seguintes categorías: Mellor Videoxogo de Galicia, Mellor Videoxogo Rookie, Videoxogo Rookie máis innovador, Videoxogo Rooki con mellor proposta visual e Mellor Videoxogo Visual.
Aparte desta competición de videoxogos independentes, o encontro tamén conta cun programa de actividades no que non faltan relatorios de profesionais da industria (Rafael Alcalde, Ángel Luis Sucasas e Beatriz Legerén) e incluso un pitching de proxectos para alumnos de 2º do Ciclo de Animación 3D e videoxogos de CESUGA.
- Programa do Videoxoga Fest de 2025