O alumnado do IES Agra do Orzán visita o CITIC

mércores, 18 de decembro do 2019 Redacción

Esta semana as instalacións no Campus de Elviña do Centro de Investigación TIC (CITIC) recibiron a visita dun grupo de alumnos e alumnas de primeiro curso de Bacharelato do IES Agra do Orzán, que participa no programa STEMBach da Xunta de Galicia. Para comezar, o subdirector do CITIC, Javier Pereira, realizou unha presentación do centro e as súas capacidades. Posteriormente, o grupo dirixiuse ao edificio de ampliación do centro tecnolóxico, onde se atopa o Centro de Procesamento de Datos (CPD). Alí, o responsábel da unidade de sistemas, Alejandro Mosteiro, explicoulles o seu funcionamento.
A visita concluíu na sala de demostradores tecnolóxicos, onde o alumnado tivo a oportunidade de probar diferentes aplicacións desenvolvidas con tecnoloxía de Realidade Virtual e interacción co mundo físico.
Para quen non o saiba, o Bacharelato de Excelencia en Ciencias e Tecnoloxía (STEMBach) é unha iniciativa da Consellería de Educación destinada a mergullar aos nosos estudantes nos estudos máis relacionados coa investigación e a innovación. Este ano xa está presente en máis de 30 centros da nosa terra, incluído o IES Agra do Orzán. STEMBach é unha opción formativa concibida para Humanidades ou para Ciencias e, ademais, constitúe unha ponte co ensino universitario e un adestramento de cara ao que lles agarda aos estudantes ao remate do bacharelato. Inclúe materias extracurriculares, actividades complementarias de formación, visitas a centros de investigación e tecnolóxicos e traballo en espazos Maker.

PUBLICIDADE