O asistente virtual sobre cooperativismo lanzado dende a UVigo obtén un recoñecemento estatal
xoves, 25 de febreiro do 2021
O
labor dos investigadores de Ecobas (UVigo) María José Cabaleiro
Casal e Carlos Iglesias Malvido, responsábeis da posta en marcha do
asistente virtual sobre cooperativismo coñecido como SAVES, vén de
ser distinguido pola Escola de Estudos Cooperativos da Universidade
Complutense de Madrid. Concretamente,
o seu sistema asistente virtual recibiu o X Premio á
investigación e docencia en materia de organizacións de
participación, na modalidade de mellor investigación na
área de economía e outras afíns.
Como
lembraremos, a ferramenta SAVES permite acceder á información vía
web sobre a situación e evolución recente do cooperativismo en
Galicia, así como do perfil económico-financeiro das cooperativas
galegas e conta con potencial para estenderse a outras rexións
xeográficas no contexto dos observatorios sobre economía social.
Para
María José Cabaleiro e Carlos Iglesias este galardón é unha “gran
satisfacción”, xa que o premio é outorgado por unha institución
académica formada por expertos nacionais e internacionais adcada ao
estudo e investigación do cooperativismo e as empresas de
participación e, polo tanto, coñecedores das dificultades que
implica investigar sobre cooperativas. “Calquera que vexa a páxina
web pensará que detrás de Saves só hai un traballo informático,
consistente en transformar táboas de datos en gráficos. Non
obstante, ese é o aspecto que ten menos valor”, salientan os
investigadores.
Máis
detalles
SAVES,
Sistema de Asistencia Virtual para o Cooperativismo e a Economía
Social, é, en termos máis concretos, un asistente virtual para
acubillar a información máis relevante do movemento cooperativo
galego, “centralizada nun único espazo e accesible a golpe de
clic”, que pretende ser unha ferramenta de traballo para todos os
axentes implicados na economía social en xeral.
Desta maneira,
“fronte á dispersión en fontes estatística diversas que presenta
a día de hoxe a información sobre cooperativismo en Galicia e á
ausencia dunha serie histórica con datos comparábeis no tempo”,
SAVES ten o obxectivo de publicar progresivamente os seus resultados
a través dunha aplicación web.
O asistente virtual
desenvolvido polos investigadores de Ecobas estará a disposición de
todo o público no referido a información básica e non protexida,
mentres que aos informes terán acceso as cooperativas; a
administración pública, especialmente a Subdirección Xeral de
Economía Social; as principais asociacións do sector: AGACA e
Espazocoop; e o persoal investigador das tres universidades galegas.
SAVES conta co co-financiamento da agrupación estratéxica
Ecobas da Universidade de Vigo e das entidades da Rede Eusumo, en
particular da Subdirección Xeral de Economía Social, dependente da
Consellería de Emprego. Colaboran ademais as unións de cooperativas
galegas Espazocoop e AGACA e a Escola de Estudos Empresariais de
Vigo, “que estivo con nós desde o inicio desta idea, pondo a nosa
disposición os seus espazos e a súa desinteresada colaboración”,
destacaba Cabaleiro na súa presentación.