O atlas histolóxico virtual da Universidade de Vigo recibiu dous premios internacionais
xoves, 4 de febreiro do 2010
O grupo de investigación Neurolam da Universidade de Vigo vén de ser obxecto dun salientable recoñecemento internacional polo seu labor ao servizo da divulgación da ciencia a través das novas canles dixitais. Máis polo miúdo, trátase dun impulso á súa iniciativa para a creación dun atlas histolóxico virtual, posto en marcha hai dous anos por este equipo pertencente á Área de Bioloxía Celular da Facultade de Bioloxía. Segundo informa a Universidade de Vigo, o ano 2009 reverteu de apoios diversos ao dito proxecto, colleitados en emprazamentos como o primeiro Encontro Virtual de Educación e Investigación en Ciencias Morfolóxicas (celebrado en Córdoba), onde a iniciativa galega acadou o primeiro premio á mellor comunicación no eido de docencia. Asemade, a achega do atlas foi salientada polo Congreso Internacional da Sociedade Española de Histoloxía celebrado en Albacete, onde se lle concedeu o premio Editorial Panamericana á mellor comunicación docente.
Para os responsables desta achega científico-tecnolóxica, os froitos acadados non se limitan á listaxe de galardóns, senón que tamén se materializan na boa saúde da web do atlas en Internet, que conta con máis de medio millón de usuarios e que recibe visitas dun centenar de países.
Con todo, os responsables do atlas (Manuel Megías, Pilar Molist e Manuel Angel Pombal) non teñen a máis mínima intención de diminuír o ritmo de desenvolvemento, e xa están a afondar en novos temas para ir engadindo á súa web (organografía vexetal, histopatoloxía) e a preparar o camiño para traducir o servizo ao inglés e á nosa lingua: “Un dos nosos obxectivos é o de traducir o atlas ao inglés e ao galego para así poder achegar os seus contidos a outras rexións de fala inglesa e por suposto, a Galicia”, sinalan. O proxecto, sinxelo de navegar, inclúe todo tipo de estudos biolóxicos, unha sección sobre técnicas histolóxicas e visitas guiadas polos tecidos animais e vexetais e os órganos vexetais, entre outros apartados.