O conselleiro de Economía visita as instalacións de Cinfo no CITIC

venres, 5 de abril do 2019 Fernando Sarasketa

Cinfo, a empresa tecnolóxico-audiovisual galega responsábel de Tiivii (a revolucionaria tecnoloxía de televisión intelixente que é quen de seguir os protagonistas dun espectáculo e crear o directo de maneira automática, botando man de tecnoloxías de Intelixencia Artificial), recibiu hoxe a visita do conselleiro de Economía, Francisco Conde, a quen lle foron mostradas as principais solucións da firma (con sede no Centro de Investigación TIC da UDC, o CITIC) en materia de aprendizaxe das máquinas, 5G, Internet das Cousas, produción automática e análise de información a gran escala (Big Data).
Na súa estadía, Conde tivo oportunidade de ver como encaixan as ditas contribucións de Cinfo aos ámbitos do audiovisual, a Industria 4.0 ou a aeronáutica non tripulada. O conselleiro estivo acompañado do director executivo da empresa, Antonio Rodríguez del Corral, o reitor da UDC, Julio Abalde, o vicerreitor de Política Científica, Investigación e Transferencia, Salvador Naya, e o director do CITIC, Manuel F. González Penedo.
Durante o encontro, Conde puido manter varias reunións co equipo directivo de Cinfo, que lle explicou os plans de futuro da compañía. Ademais, tivo oportunidade de coñecer en detalle algúns dos proxectos sobranceiros que Cinfo está a desenvolver na actualidade, como o sistema multicámara embarcado e de ortorrectificación en tempo real, englobado na iniciativa para o emprego de sistemas aéreos non tripulados (UAV) no ámbito civil e na mellora da prestación de servizos públicos, impulsado pola Xunta de Galicia. Segundo informou Cinfo, estes sistemas permiten a adquisición, procesado, gravación e transmisión de vídeo dende aeronaves (drones e helicópteros) en pleno voo para coñecer en todo momento, ou consultar baixo demanda, o que acontece durante unha misión.
Cinfo tamén mostrou a súa experiencia referencial en sistemas de seguimento automático de deportes e eventos baseados en Intelixencia Artificial, que posibilitan a realización automática de vídeo na nube. Segundo fixo saber o seu director executivo, “a súa implantación optimiza o traballo dos equipos técnicos de televisión e reduce os custos de produción, pero non só ten vantaxes para o sector audiovisual, senón que tamén permitirá a calquera club deportivo, con independencia do seu tamaño, obter máis ingresos dos seus patrocinadores ou directamente dos seus seareiros”. Amais, engadiu, que “coa solución de Cinfo pódese chegar a grandes audiencias con calidade profesional a través dunha canle propia de TV automática, web ou redes sociais”.
Pola súa banda, o conselleiro salientou que o traballo desenvolvido por empresas como Cinfo “contribúe a que Galicia logre o seu obxectivo de colocar ao sector TIC no mapa internacional para competir cos grandes centros de innovación”.

PUBLICIDADE