O creativo vigués Antón Veiga revoluciona o currículo tradicional apostando polo formato videoxogo

martes, 18 de marzo do 2025 S. P.

O creativo galego Antón Veiga Ferro vén de compartir os detalles dun proxecto de seu no que expande a capacidade de comunicación dos videoxogos e converte este formato nun formato idóneo para a elaboración dun currículo. Segundo explica, “a reacción das redes foi espectacular”. En concreto, a súa idea de levar a busca de emprego “a outro nivel” convertendo o seu currículo nun videoxogo “xerou en LinkedIn unha avalancha de reaccións e comentarios, con miles de persoas aplaudindo o enxeño e a orixinalidade do mesmo”.
A orixe desta iniciativa nunha triste realidade: a preferencia polo emprego precario (e barato) nunha parte importante das nosas empresas. O despido de Antón foi formalizado o pasado 5 de febreiro, logo de 11 anos traballando nunha firma galega: “Cheguei ese día como calquera outro ao meu posto de traballo e atopeime cunha carta de despedimento. A empresa decidira pasar de contar con persoal propio a contratar freelances en Madrid, poñendo fin así a unha traxectoria chea de premios e campañas de éxito”. Veiga, amante dos videoxogos retro, tomou inspiración en obras como a saga Final Fantasy e outros RPGs clásicos de Square Enix e lanzouse á construción dunha historia que resumise a súa propia situación: chegar a unha empresa nova para ofrecer o seu perfil e atoparse cunha serie de probas onde despregar os seus coñecementos.
O videoxogo-currículo, desenvolvido polo propio Veiga, permite aos usuarios explorar a súa experiencia laboral, habilidades e logros dunha maneira interactiva e gamificada. Así, no canto dun documento tradicional en PDF ou Word, os recrutadores poden mergullarse nunha contorna virtual onde descobren a súa traxectoria a través de misións e desafíos.
A idea causou sensación nas redes sociais, con comentarios como “impresionante, épico e inesquecíbel”, ou “que xoia de currículo”, ou “estamos ante unha absoluta xenialidade”. Porén, non todos están convencidos de que esta innovación sexa ben recibida en todos os ámbitos. Algúns usuarios sinalaron que “non todos os recruiters van entendelo” ou que “a idea é unha pasada, pero hai que ter coidado porque xerar unhas expectativas estratosféricas mesmo antes de comezar no teu novo posto pode ser unha arma de dobre fío...”.
A pesar das opinións divididas, o impacto da iniciativa está fóra de dúbida. A publicación en LinkedIn acadou unha gran viralidade, con miles de interaccións e comparticións, segundo lembra Antón, que engade que “este fenómeno pon sobre a mesa un debate interesante sobre a evolución dos métodos de presentación no ámbito laboral: deberiamos repensar a forma en que presentamos o noso CV”.