O grupo VARPA e PsicoVR recoñecidos con Premios Spin-Off PuntoGal

venres, 6 de novembro do 2020 Redacción

O grupo VARPA (Visión Artificial e Recoñecemento de Patróns) da UDC, dirixido polo investigador do CITIC Manuel F. González Penedo, vén de recibir o Premio Spin-Off PuntoGal na categoría dedicada a Grupos de Investigación. Estes galardóns, que teñen o obxectivo de recoñecer as mellores e máis innovadoras iniciativas empresariais xurdidas no ámbito das tres universidades galegas.
O xurado destacou o traballo realizado dende hai anos polo grupo no desenvolvemento de programas informáticos para a telemedicina, un campo no que o grupo conta con contratos, patentes e publicacións moi destacadas. Ademais, tívose moi en conta o traballo que está a desenvolver actualmente na investigación para mellorar o diagnóstico nos pacientes da COVID-19 e a predición da súa evolución.
No apartado Idea Emerxente dos Premios Spin-Off PuntoGal a gañadora foi a empresa PsicoVR que traballa no campo da realidade virtual e que desenvolve actualmente diversos proxectos para empresas e institucións de prestixio. Entre as razóns para a concesión do premio, o xurado referiuse ás solucións aportadas pola empresa para necesidades coma a atención sanitaria e o coidado das persoas maiores. Nesta categoría obtivo unha mención coma finalista a empresa lucense Data Monitoring, que desenvolve ferramentas informáticas para aplicar en diversos sectores produtivos.
Nesta edición dos Premios Spin-Off PuntoGal presentaron candidaturas preto de quince empresas e grupos de investigación de diversos sectores. O xurado, no que figuraban investigadoras galegas de prestixio e un representante da Secretaría Xeral de Universidades, destacou especialmente a alta calidade das propostas presentadas. Os galardóns serán entregados nun acto que terá lugar cando as condicións sanitarias o permitan.

PUBLICIDADE