O investigador da UDC David Vilares Calvo, premiado pola SCIE

mércores, 9 de maio do 2018 Redacción

Os Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España que entregan a SCIE e máis a Fundación BBVA tiveron este ano notábel presenza galega. Se onte falamos do recoñecemento ao investigador do Centro de Investigación TIC (CITIC) Ramón Doallo (Premio Nacional de Informática), hoxe é a quenda de salientar a distinción outorgada a David Vilares Calvo, tamén investigador da Universidade da Coruña. O labor de David Vilares, Premio Mozos Investigadores Informáticos pola SCIE e a Fundación BBVA, foi enxalzado polas “súas destacadas contribucións á investigación en técnicas e algoritmos para o procesamento da linguaxe natural, con especial fincapé na súa aplicación no estudo de sentimentos en redes sociais”.
Vilares, que recibirá unha contía de 5.000 euros, compartiu o galardón con outros cinco investigadores novos, ao abeiro da mesma categoría. O investigador galego desenvolve o seu labor ao abeiro do grupo de Procesamento da Linguaxe Natural da UDC, o grupo LyS, que traballa nos ámbitos de da intelixencia artificial, a interacción home-máquina, o procesamento e recuperación da información, o procesamento de textos ou a lingüística avanzada. Un dos eidos clave de traballo é a procura de metodoloxías para a predición estrutural da linguaxe humana mediante tecnoloxías dixitais.

PUBLICIDADE