A SCIE outorga o Premio Nacional de Informática ao investigador do CITIC Ramón Doallo

martes, 8 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

investigador do Centro de Investigación TIC da UDC (CITIC), Ramón Doallo, vén de recibir o Premio Nacional de Informática convocado pola Sociedade Científica Informática de España (SCIE) e a Fundación BBVA. Segundo informa o centro coruñés, esta distinción é unha das máis prestixiosas do ámbito estatal no eido da Enxeñaría Informática, e está encamiñada a salientar o labor de investigadores, entidades públicas e privadas na área da informática que adicaron a súa carreira profesional e o seu esforzo ao estudo, fortalecemento e divulgación desta disciplina.
Doallo, que ademais de investigador do CITIC é catedrático da Facultade de Informática da Universidade da Coruña no Departamento de Enxeñaría de Computadores, gañou o Premio Aritmel, segundo o xurado, “polas súas sobresaíntes contribucións á arquitectura e tecnoloxía de computadores ao longo da súa traxectoria investigadora, así como pola súa intensa actividade de transferencia dos resultados ao sector empresarial e o seu recoñecido liderado científico”.
Lembrar que Ramón Doallo tamén é membro (académico numerario) da Real Academia Galega das Ciencais (RAGC) e un dos fundadores de Torus, empresa innovadora de solucións de software no eido da computación de alto rendemento, con vertentes en sectores como o financeiro, o das telecomunicacións e a enerxía. Torus, en concreto, achega recursos de software de comunicacións ultrarrápidas que permiten acelerar aplicacións en contornas nas que o rendemento é crítico, en especial nos devanditos sectores. A empresa está participada pola UDC e pola Fundación Barrié a través do seu Fondo de Ciencia e recibiu xa varios premios polo seu compoñente innovador.

PUBLICIDADE