O investigador do CITIC, Ricardo Cao, novo reitor da UDC
xoves, 7 de decembro do 2023
A
Universidade
da Coruña (UDC) anunciou a elección do investigador do Centro de
Investigación en Tecnoloxías da Información e as Comunicacións
(CITIC), Ricardo Cao, como o seu novo reitor para os próximos
seis anos. Ricardo Cao conta cunha ampla experiencia nos eidos da
estatística e as matemáticas, que inclúen máis de 200 traballos
de investigación e colaboracións con científicos de todo o mundo.
O
seu labor destacouse especialmente no proxecto COVIDBENS, onde
combinou o servizo público nun momento social crítico co desafío
científico de desenvolver un modelo estatístico eficiente,
aplicable non só ao COVID-19 senón tamén a outras problemáticas
sanitarias como a gripe.
Desde
2008, o CITIC da UDC foi unha plataforma fundamental para Ricardo
Cao, permitíndolle desenvolver proxectos singulares centrados na
funcionalidade estatística. Recentemente, o Instituto Nacional de
Estatística (INE) recoñeceu a versatilidade da súa traxectoria
outorgándolle o Premio Nacional de Estatística, unha distinción
colectiva que resalta a importancia do traballo en equipo na
investigación.
O
novo reitor destaca o factor humano como “o principal valor que
define o seu traballo”; tamén para abordar cuestións tan de
actualidade como a Intelixencia Artificial, “unha ferramenta de
enormes posibilidades”, nas súas palabras.
Considera
ademais, respecto do seu labor vindeiro á fronte da UDC, que unha
das prioridades da universidade debe ser “estreitar a súa
colaboración coas empresas e as administracións, así como fomentar
a participación a todos os niveis, esencial nun mundo globalizado e
para abrir o horizonte da UDC á internacionalización”. E engade:
“Trátase de xerar unidades de investigación conxuntas que
permitan competir no escenario global”. Neste sentido, a aposta
estratéxica polos centros singulares como o CITIC, con profesionais
TIC altamente demandados hoxe en día, “constitúe unha excelente
panca de impulso”, avanza.
