O investigador do CiTIUS Alejandro Ramos Soto, recoñecido nos Premios de Informática Fundación BBVA

martes, 24 de outubro do 2017 Redacción

JPEG - 385.8 KB
Carmen Vela, secretaria de Estado de I+D+i; Francisco González, presidente da Fundación BBVA; o premiado Alejandro Ramos e Antonio Bahamonde, presidente da SCIE

A Fundación BBVA e a SCIE veñen de entregar os recoñecementos da primeira edición dos Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España. Nos galardóns, a entidade recoñeceu a excelencia de seis novos doutores menores de 30 anos que realizan investigación de alta calidade no ámbito estatal, abranguendo ámbitos como a intelixencia artificial, a información a gran escala (Big Data), a arquitectura de supercomputadores, a aprendizaxe automática ou o tratamento dixital de imaxes. Entre esta media ducia de novos investigadores atópase Alejandro Ramos Soto, do centro CiTIUS (Universidade de Santiago de Compostela), cuxo traballo deu lugar a Galiweather, como lembraremos un sistema que traduce a linguaxe natural os datos dos técnicos da axencia meteorolóxica galega (Meteogalicia) producindo de maneira automática 314 previsións do tempo diarias, unha por cada un dos municipios da nosa terra.
Os Premios de Investigación Sociedade Científica veñen da man, como dixemos, da SCIE (Sociedade Científica Informática de España) e a Fundación BBVA. Os galardóns foron creados para “impulsar e dar visibilidade aos mozos informáticos menores de 30 anos que realizan investigación de alta calidade en España”. A cerimonia, celebrada hoxe na sede madrileña da Fundación BBVA, serviu para salientar até que punto o eido da informática, “unha ciencia relativamente recente”, supuxo “todo un cambio de paradigma tecnolóxico, económico e social, e tamén para sinalar os retos que iso implica”. En palabras do presidente da Fundación BBVA, Francisco González, “a informática, ao pór a información ao alcance de todos, e grazas ao abaratamento dos dispositivos, está a demostrar ser unha tecnoloxía altamente democratizadora, alterando a organización das empresas, o consumo, a comunicación, o lecer, a xeración de coñecemento, o acceso e coidado da saúde e as relacións persoais”.
Tanto Francisco González como Antonio Bahamonde, presidente da SCIE, resaltaron “o alto nivel alcanzado pola investigación en informática en España”, e lembraron a necesidade de seguir atraendo talento.
Os Premios de Investigación Sociedade Científica Informática de España-Fundación BBVA recoñeceron “a creatividade, orixinalidade e excelencia” dos novos doutores. Cada un dos seis premios concedidos nesta edición inaugural está dotado con 5.000 euros. Os premiados son: Cristóbal Camarero, da Universidade de Cantabria (que investiga como mellorar as interconexións entre os procesadores dun supercomputador para optimizar o seu rendemento, así como a demostración automática de teoremas e en aplicacións en banca); Elena Garcés, da Universidade de Zaragoza (que desenvolveu algoritmos para o tratamento dixital de imaxes que resultan de gran interese para o cinema e o desenvolvemento de programas de realidade virtual); Josué Feliu Pérez, da Universidade Politécnica de Valencia (que mellorou a eficiencia dun tipo de procesadores
- chamados multinúcleo- presentes hoxe tanto nos teléfonos intelixentes como en grandes centros de cálculo); Petar Jovanovic, da Universidade Politécnica de Cataluña (autor de aplicacións para análises de Big Data que xa usa a Organización Mundial da Saúde para erradicar doenzas en países desfavorecidos, como o mal de Chagas); María Pérez Ortiz, da Universidade de Córdoba (que desenvolveu aplicacións innovadoras en áreas como a agricultura sustentábel, os transplantes de órganos, o cambio climático e a oncoloxía); e Alejandro Ramos Soto, da Universidade de Santiago de Compostela.
Premios Nacionais de Informática
Durante a cerimonia celebrada hoxe na sede da Fundación BBVA en Madrid entregáronse tamén os Premios Nacionais de Informática, que outorga a SCIE desde 2005 para recoñecer a investigadores xa consolidados e incentivar a investigación en informática. Este ano os gañadores foron Miguel Toro, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Sevilla, Mario Piattini, catedrático de Linguaxes e Sistemas Informáticos da Universidade de Castela-A Mancha, e Nuria Oliver, enxeñeira de Telecomunicacións pola Universidade Politécnica de Madrid,

PUBLICIDADE