Tras unha longa espera, e a tempo para a campaña de Nadal, Amazon.es vén de incorporar ao seu catálogo un dos seus dispositivos Kindle, concretamente o lector de libros electrónicos con pantalla de tinta electrónica E Ink de 6 polgadas cunha resolución de 600 x 800 píxeles, conectividade Wi-Fi e USB 2.0, 2 Gb de almacenamento interno, unhas medidas de 166 x 114 x 8,7 milímetros e un peso de 170 gramos, que por 99 euros convértese no dispositivo deste tipo co prezo máis competitivo do mercado español.
Para completar a ecuación, Amazon conta xa na súa tenda de libros electrónicos con máis de 22.000 títulos en español (aos que hai que sumar máis de 900.000 títulos noutras linguas), entre os que non faltan autores como Arturo Pérez-Reverte ou Ken Follett, de xeito que os bestsellers avanzan para a súa popularización en formato e-book.
Por desgraza, a oferta de e-books en galego na tenda de Kindle limítase a 68 obras.
Entre as vantaxes de Kindle está o feito de que as obras adquiridas son multiplataforma, xa que poden lerse non só nos eReaders da compañía, senón tamén a través das aplicacións de lectura de balde para iPhone, iPad, Android, Mac e Windows, que fan uso da tecnoloxía Whispersync, de xeito que se garda e sincroniza a última páxina lida, os marcadores, as notas e os subliñados para que estean dispoñibles en todos os nosos trebellos á vez, un factor que contribúe a consolidar esta plataforma de distribución como líder no seu sector.
O lector Kindle estréase na tenda española de Amazon
Compartir Este Artigo
