O navegador web Opera integrará ChatGPT

luns, 13 de febreiro do 2023 Marcus Fernández

A semana pasada Microsoft e Google competían para ver quen anunciaba antes a integración da intelixencia artificial nos seus buscadores, e Opera non quixo quedar atrás, e anunciou que está a ultimar a integración de servizos de contido xerado por intelixencia artificial nos seus navegadores web para PC e móbiles.
Dende Opera consideran que os servizos baseados en intelixencia artificial están a mudar as expectativas dos usuarios, xerando un grande interese, de aí que decidisen aproveitar estas tecnoloxías aplicándoas á navegación web, o que non se limitará a facilitar o acceso ao popular ChatGPT dende o navegador, senón que tamén están a probar funcións como un botón que estará na barra de enderezos e que servirá para xerar resumos de páxinas web e artigos. Deste xeito farán que os usuarios teñan máis doado manexarse entre grandes cantidades de contido, chegando antes aos contidos que desexan.
Dende Opera consideran que estamos nun momento de emerxencia de solucións de intelixencia artificial que, entre outras cousas, facilitan a xeración de texto, imaxe e audio, polo que cren oportuno adaptar o seu navegador para adaptarse a este tipo de recursos, para aproveitar o seu potencial do mellor xeito posible.

Exemplo de como se utilizaría Opera para resumir contidos da web

PUBLICIDADE