O noso sector TIC loce innovación perante 15 representantes institucionais de México e Perú

luns, 20 de abril do 2015 Fernando Sarasketa

Este luns 20 inaugurouse en Santiago unha nova ponte (virtual pero tamén real) entre o sector TIC galego e Latinoamérica. Máis polo miúdo, cun importante número de entidades locais e estatais de México e Perú. Estamos a falar da Misión Inversa a Galicia, unha xuntanza transatlántica organizada pola asociación Ineo na que participan (ata este mércores 22) ata 15 mandatarios dos devanditos países: alcaldes e representantes das municipalidades peruanas de Lima, Lince, San Juan de Miraflores e Carabayllo; dos concellos mexicanos de Cozumel, Monclova, Saltillo e Atizapán de Zaragoza; e de institucións como o Sistema Público de Radiodifusión do Estado Mexicano e o Instituto Tecnolóxico da Produción de Perú.
A misión foi inaugurada por Lucía Gregorio, directora xeral de Ineo, quen sinalou que Inversa diríxese a crear debate aberto, intercambio libre de impresións e coñecementos, escenarios comúns para retos cen por cen comúns: os das Cidades Dixitais, eixe temático da misión. “Queremos achegar innovación e transparencia á cidadanía”, sinalou, “e iso demándase aquí e tamén se demanda nas cidades dos nosos países convidados”. Tamén explicou o porqué de terse elixido a cuestión das Smart Cities como columna vertebral das xornadas: porque a sociedade galega, mexicana e peruana demanda Cidades Intelixentes e porque tanto asociacións como Ineo como as entidades americanas convidadas están en boa medida obrigadas á achegar innovación smart á cidadanía, pero non unha innovación calquera, senón unha innovación altamente eficaz e eficiente. Ou sexa, axustando gastos e tirando o máximo partido do coñecemento e a colaboración. Ao fío disto, lembrou que o obxectivo da misión é “fomentar e consolidar a internacionalización das empresas galegas mediante o contacto directo con mandatarios destes países que, por historia, idioma e cultura, conforman mercados cun alto potencial para a xeración de negocio, neste caso relacionado con produtos e servizos do eido das Smart City”.
Na apertura do encontro (xusto antes de que os 15 mandatarios participantes fixeran unha presentación das entidades ás que representan explicando as súas necesidades tecnolóxicas) participaron o director da área de Internacionalización do IGAPE, Abel Veiga, e o director xerente do Colexio Oficial de Enxeñaría de Telecomunicación de Galicia (COETG), Ricardo Fernández, quen fixo un repaso polas principais iniciativas do colexio que representa en materia de Cidades Intelixentes, como por exemplo o impulso aos edificios dixitais ou a creación da oficina de asesoramento ás entidades locais no despregue de infraestruturas TIC.
Veiga, pola súa parte, comezou a súa intervención agradecendo o labor de Ineo como axente dinamizador de intercambio empresarial transfronteirizo (cualificou á Misión Inversa de ponte entre países) e dixo que, na súa opinión, o sector das TIC é onde menos distancia existe entre os diferentes estados e mercados, onde menos fendas se rexistran e onde adoita haber meirande entendemento. Ao seu xuízo, o mérito de que hoxe en día as nosas empresas estean fóra non se debe ás administracións, senón ás propias empresas. Veiga concluíu a súa intervención convidando aos mandatarios latinoamericanos a deixarse levar polo sector TIC galego, xerador de grandes iniciativas de coñecemento e de innovación tecnolóxica.
A misión continúa
Lembrar que pola tarde, e durante as dúas xornadas seguintes, os representantes das ditas institucións americanas estarán a disposición das empresas do noso sector, tanto para manter reunións individuais coma para visitar as súas instalacións ou as dos seus clientes e comprobar directamente o funcionamento das ferramentas e solucións tecnolóxicas introducidas. Para máis información cómpre ver o programa en formato pdf da Misión Inversa a Galicia.