O noso sector TIC ponse máis preto de América e Europea coa nova misión inversa do Clúster

martes, 22 de maio do 2018 Fernando Sarasketa

O Hotel NH de Santiago está a ser a sede principal das xuntanzas

O Clúster TIC Galicia está a organizar esta semana unha misión comercial inversa con potenciais importadoras de Europa e América. O obxectivo da misión non será outro que o de fortalecer pontes de colaboración e, máis en detalle, impulsar a actividade das nosas empresas de novas tecnoloxías nos países da outra beira do Atlántico e, tamén, da nosa contorna. A estadía comeza hoxe e remata o 24 de maio. Nela participan sete empresas punteiras nos eidos das telecomunicacións, os medios audiovisuais, a consultoría e o desenvolvemento de software, procedentes de Latinoamérica, Canadá, Alemaña e Inglaterra. Pola nosa terra, o Clúster TIC contará co apoio de entidades como o Centro de Investigación TIC, o CITIC, ou do centro CiTIUS da Universidade de Santiago.
En detalle, o responsábel de Innovación e Transferencia Tecnolóxica do CITIC, Manuel Bustabad, presentará ás empresas asistentes as capacidades do centro e as súas principais liñas de actividade. Ademais, tamén intervirá a xestora de I+D no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información), María Tenorio, mostrando o potencial de traballo do centro compostelán.
A xornada de inauguración ten lugar hoxe, a partir das 9:30 horas, no hotel NH Collection de Santiago de Compostela, coa apertura a cargo do director da Área de Internacionalización do IGAPE, Augusto Álvarez, e do presidente do Clúster TIC Galicia, Antonio Rodríguez.
Durante o evento, levaranse a cabo xuntanzas bilaterais e actividades de traballo en rede entre os socios do Clúster TIC Galicia e as compañías internacionais convidadas. A través destas xeiras de traballo e de intercambio de experiencias tentarase estreitar lazos comerciais, atopar posíbeis provedores e detectar oportunidades de negocio.
Entre as sete importadoras potenciais convidadas áchanse entidades con moita bagaxe en materia de transformación dixital de negocios, como The Server Labs (Inglaterra); Ceeq IT (Canadá), especializada na utilización do Machine Learning ou aprendizaxe automático no sector bancario e nas compañías aseguradoras; e GBTEC Software (Alemaña), que conta cunha innovadora ferramenta de BPM (Business Process Management), denominada BIC Platform, que segundo informa o Clúster TIC Galicia, xa se puxo en marcha como sistema de xestión automática de procesos en administracións públicas e empresas de todo o mundo.
Na cita que comeza hoxe, o audiovisual tamén terá un papel relevante coa presenza do director técnico de TCS (Telecorporación Salvadoreña), a empresa de medios de comunicación máis grande do Salvador e unha das máis innovadoras da contorna centroamericana; Azteca Comunicaciones, que conta coa rede de fibra óptica máis grande de Colombia e con servizos de televisión, Internet e telefonía para máis de 900 localidades e 2.000 institucións públicas; e GoLive Entertainmen Holding (Arxentina), cunha plataforma de OTT (Over-The-Top), que ofrece un sistema de streaming en alta definición, apps multipantalla e un acubillo de contidos con más de 8.000 títulos. Na misión tamén participa a compañía Adminex (Brasil), que ofrece solucións en administración (asesoría legal, contabilidade, recursos humanos) a PEME que queren establecer actividades no estranxeiro.
A xornada ofrecerá un relatorio para coñecer as estratexias de negocio que se poden levar a cabo en EEUU e Europa, impartida polo consultor de Negocio Internacional en Energies4Success, Eric Messin, e a directora de Negocio Internacional da empresa coruñesa Cova Solutions. Como dixemos, contará tamén coa asistencia do xestor de Innovación e Transferencia Tecnolóxica do CITIC, Manuel Bustabad, e a xestora de I+D no CiTIUS (Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información), María Tenorio.

PUBLICIDADE