Dende Huawei quixeron facer fronte aos smartphones con pantalla encartable de Samsung dun xeito demasiado ousado, e así tivemos no mercado de xeito testemuñal dispositivos como o Huawei Mate Xs, que non só atrevíase a ter un prezo de venda bastante superior ao do seu competidor directo, senón que adoptaba certas decisións de deseño que a simple vista parecían un desacerto, como que a pantalla principal quedase exposta na parte exterior do smartphone ao encartalo, o que supón un grande risco para a súa integridade.
O fabricante chinés parece ter tomado boa nota dos erros do pasado, e agora que lanza o Huawei Mate X2 opta por deixar atrás a súa proposta de deseño e directamente copia ao Samsung Galaxy Z Fold2, pero mantendo un prezo moi esaxerado, xa que en China véndese a 17.999 iuans (2.288 euros) cando o móbil de Samsung custa oficialmente 1.699 euros e resulta doado atopalo de oferta a menos de 1.300 euros, facendo que o novo produto de Huawei teña moi complicado atopar un oco no mercado. Aínda que cómpre lembrar que non só o prezo xoga en contra do novo encartable de Huawei, senón tamén o feito de que carece dos servizos de Google preinstalados, o que supón un serio problema para os consumidores de fóra de China.
A nivel de hardware temos un smartphone que presenta unha pantalla OLED de 8 polgadas cando está aberto, e unha pantalla OLED de 6,45 polgadas cando está pechado (ambas cun refresco de 90 Hz), co detalle significativo de que só a pantalla de menor tamaño contaría cunha perforación para albergar cámara frontal (ou sexa, que repetiría o erro de carecer de cámara frontal na pantalla principal, de xeito que non podería aproveitarse a grande pantalla para videoconferencias); funciona cun procesador Kirin 9000 5G, 8 GB de RAM, 256/512 GB de almacenamenot interno; presume de grandes cámaras traseiras (con sensor principal de 50 Mpíxeles, zoom óptico de 3x nun sensor de 12 Mpíxeles, zoom óptico de 10x nun sensor de 8 Mpíxeles e ultra grande angular de 16 Mpíxeles); conta con Wi-Fi 6, BLuetooth 5.2 e NFC; e a súa batería de 4.500 mAh pode cargarse a 55 watts.
Un terminal de alta gama, pero cunha configuración un tanto deficiente para un prezo tan elevado, sendo especialmente rechamante o feito de que coidase tanto as súas cámaras traseiras mentres que o elemento das cámaras frontais quedase tan descompensado (xa que non poder aproveitar a pantalla de 8 polgadas para videoxonferencias é unha eiva moi importante).
O novo móbil encartable de Huawei segue os pasos de Samsung
Compartir Este Artigo

