O polo das Rozas xa ofrece tecnoloxías plenamente operativas e eficaces contra os lumes
xoves, 17 de xaneiro do 2019
O
polo
aeroespacial de Galicia, emprazado nas Rozas (Castro de Rei, Lugo),
mostrou este mércores 16 de novembro os avances de dúas tecnoloxías
innovadoras para a prevención dun dos grandes dramas do noso medio
natural: os incendios. Na cita participaron empresas,
investigadores e representantes públicos, entre os que se atopaban o
conselleiro de Economía, Francisco Conde, e o conselleiro do Medio
Rural, José González, que salientaron o alto nivel de resposta que
achega o polo aeroespacial respecto das “necesidades reais da
Administración”. Os conselleiros asistiron á demostración do
helicóptero non tripulado Lúa e do sistema contra incendios
Einforex, impulsados por Babcock. A esta visibilidade cada vez maior
dos traballos que se están a realizar nas Rozas (unha
visibilidade que espertou xa o interese doutras Comunidades
Autónomas) cómpre engadir as probas de simulación do Targus de
Indra iniciadas previamente.
Segundo
se lembrou na visita dos conselleiros, o sistema Einforex FF
(FireFighting) vén da man de Babcock e das empresas Soldatec,
Itmati, Coremain, Cinfo, Veoline e Pildo; consistindo nun sistema
experto de monitoraxe de frotas aéreas e terrestres que axuda na
toma de decisións en operacións de extinción de incendios e
fornece de plena operatividade mesmo nas condicións de traballo ou
comunicativas máis adversas. A tecnoloxía, que xa foi probada nun
operativo real de loita contra o lume en Corrubedo (Ribeira), pode
ser manexada integralmente dende un helicóptero de coordinación da
Xunta, facilitando en tempo real a súa posición e fornecendo de
continuo imaxes e vídeos da operación. A previsión é integrala o
antes posíbel aos dispositivos galegos da loita contra os incendios.
Na
cita nas Rozas probouse o helicóptero non tripulado Lua, xunto con
varios compoñentes que, a xuízo dos conselleiros, “convérteno no
único sistema con capacidade de capturar e procesar en tempo real
información dixital de vídeos e imaxes tanto no espectro visíbel
como infravermello”.
Durante
a estadía no polo, Conde destacou “o avance do polo aeroespacial
de Galicia posto en marcha en 2015” e que, desde entón, “leva
mobilizado 50M€ dos 165 previstos coas actuación que están en
marcha e programadas, mentres que o programa de I+D promove, até o
de agora, 20 proxectos nos que traballan 262 persoas”.
Conde
fixo fincapé nas boas previsións para o ano entrante. Segundo
sinalou, en 2019 o polo das Rozas volverá ter “un papel central”,
xa que se destinan 18,1M€ para seguir avanzando e consolidando este
proxecto, “a través de iniciativas como o parque industrial, a
aceleradora aeronáutica ou o novo espazo formativo de Rozas”.