O presente tecnolóxico feito libro

venres, 16 de xullo do 2021 Marcus Fernández

Nas librarías podemos atopar un libro de cubertas de cor amarelo que resulta moi rechamante, e que unha vez que o abres atrapa a calquera espertando a curiosidade ao tratar temas tecnolóxicos e sociais que nos collen moi de preto, abordándoos dun xeito moi natural e acompañando os textos con ilustracións que converten a lectura nunha experiencia agradable.

Esta obra, Se suponía que esto era el futuro, é unha creación de Javier Pedreira Wicho e Álvaro Ibáñez Alvy, os responsables do blog Microsiervos, un dos grandes referentes a nivel mundial en fala hispana. De feito, podemos ver o libro como unha adaptación do caderno dixital ao papel, escolmando contidos mediante temas que permiten debullar a nosa condición actual, á vez que permítennos saber como chegamos a este agora repasando figuras históricas e fenómenos que en moitas ocasións ignoramos. Para saber algo máis desta publicación falamos con Wicho, a quen moitos tamén coñecen por ser o responsable de informática dos Museos Científicos Coruñeses.

— Aínda que o voso libro teña un título con toques retrofuturistas, realmente é un repaso temático no realista. Como ves o feito de que os detalles cos que ilustrades a historia da informática, a Internet, a carreira espacial, a presencia feminina na ciencia... teñan que ocupar espazo en obras de divulgación como esta en vez de formar parte dos nosos currículos educativos?
— Gustaríame que os currículos estiveran máis ao día. Pero sei que é complicado. Así que penso que as obras de divulgación poden ser un apoio, sobre todo se hai profesoras e profesores que os recomenden.

— Dentro das nosas eivas educativas é tamén salientable o noso déficit cultural de cara ao sentido crítico que leva a que algo como as lendas urbanas e os díxomes teñan agora máis forza que nunca.
— Si. É unha mágoa que no intre da historia no que máis e mellor acceso a todo tipo de información temos sexa cando menos capaces somos de filtrala. De aplicar ese sentido crítico que mencionas. Pero ollo, non é só un tema que se aplique a Internet; fáltanos o costume de ter activado o sentido crítico a todas horas fronte a calquera información, nos chegue de onde nos chegue.

— Precisamente a formación dunha educación de cara aos contornos actuais é algo que xa tes abordado noutro libro no que sostés que os nativos dixitais non existen. Veremos como isto vai cambiando grazas á chegada de novas xeracións ou estamos sumidos nun ciclo de ignorancia e desidia?
— Quero crer que hai algúns avances. En Galicia, por exemplo, xa hai algúns cursos que hai unha materia optativa en secundaria chamada Identidade dixital que ten como obxectivo precisamente afondar en esta formación no uso das mal chamadas novas tecnoloxías e das redes sociais. Pero non penso parar da dar a vara ata que esa formación sexa algo transversal que se da en tódalas materias. E nas casas, onde é aínda máis importante dala.

— A Internet tamén parece unha grande descoñecida, pese a que tivemos décadas para adaptarnos ao seu impacto nas nosas vidas. Existen protocolos de conduta nas redes dende hai moitos anos, pero continúan a ser grandes ignorados. Que foi da netiqueta?
— Más que ignorada foi esquecida. Hai anos ía chegando xente nova a Internet pouco a pouco e case sempre co apoio de alguén que xa estaba nela e que facía un proselitismo –no bo sentido do termo– co que explicaba a quen liaba as cousas básicas. Pero en moi pouco tempo chegou unha avalancha de persoas a través de ofertas de provedores de Internet –lembrades os tempos de InfoVía, cando España se converteu no país do mundo con máis provedores de acceso?– e ninguén sabía nada de netiqueta nin cousas parecidas. É outro campo no que toca explicar cousas. Aínda que non deixan de ser conceptos básicos que tamén se aplican no MundoReal™. Non debería facer falta explicarlle a ninguén que en Internet tamén. Peeeero…

— O libro tardou algo en chegar ás librarías por certa pandemia á que dedicades un capítulo enteiro. Pero os meses de confinamento fixo que fósemos moi conscientes da fenda dixital, das consecuencias da desinformación en temas tan sensibles como a sanidade e mesmo das deficiencias nas empresas e administracións públicas nos seus procesos de transformación dixital. Aprenderemos deste transo?
— Gustaríame pensar que si. Pero teño as miñas dúbidas despois de ver como moita xente empezaba a falar e falar do tema sen ter realmente idea. En calquera caso, penso que aínda é pronto para dicilo; necesitamos un pouco máis de perspectiva a ver se polo menos a presenza nos medios de comunicación de persoas que se dedican á divulgación se mantén. E tamén para avaliar o que fixemos ben. E, sobre todo, o que fixemos mal.

— E volvendo ao voso libro, a quen deberiamos recomendarllo? A min paréceme unha lectura moi acaída para a mocidade, pero a divulgación dos temas que abordades probablemente debería ser máis ampla, non?
— Polo seu deseño apunta claramente á rapazada partires dos doce anos. Pero ao mesmo tempo conservamos uns textos que pensamos que poden ser atractivos para persoas de calquera idade; e o certo é que os comentarios que recibimos van por aí: pais e nais que o mercan para os seus fillos pero que acaban gozándoo tamén. Como adoitamos dicir, merca un para os teus fillos, pero non o deixes de ler. E de mercar máis exemplares para sobriños e demais familia.

PUBLICIDADE