O prestixioso investigador David Glowacki achegará ao CiTIUS a súa experiencia en Realidade Virtual

mércores, 8 de xuño do 2022 S. P.

A Cidade da Cultura (GaiásTech) acolleu este martes 7 de xuño o acto de incorporación formal do investigador David Golowacki, un dos grandes expertos mundiais en Realidade Virtual, ao centro CiTIUS da Universidade de Santiago.
“Os recentes avances no campo da Realidade Virtual, a informática, a tecnoloxía inmersiva e a Intelixencia Artificial, fan que este sexa un momento especialmente emocionante para iniciar este programa de investigación en particular, para producir novos coñecementos de investigación e para desenvolver novas e emocionantes formas que permitan que o público se involucre con diversas ideas científicas”. Con estas palabras resumía David Glowacki (Milwaukee, 1981), a ilusión de comezar unha nova andaina profesional na USC da man do Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da universidade compostelá (CiTIUS) e o programa de captación de talento Oportunius, da Axencia Galega de Investigación (GAIN).
Glowacki desenvolverá o proxecto NANOVR, un ambicioso desafío científico que obtivo o respaldo do Consello Europeo de Investigación (ERC) a través dunha das súas axudas Consolidator Grant, dotada con case dous millóns de euros, e que ten como obxectivo “desenvolver un novo paradigma para o deseño, a enxeñaría e a simulación a escala nanométrica”.
Os detalles do proxecto e da chegada do investigador presentáronse este martes nunha xornada pública, nas instalacións do GaiásTech, nun acto que contou coa intervención do reitor Antonio López; a directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey Vilar; o director científico do CiTIUS, Senén Barro; a directora adxunta do CiTIUS, Paula López; e o propio investigador David Glowacki, que ademais dunha charla explicando os detalles do seu proxecto realizou unha demostración tecnolóxica da súa liña de traballo.
Laboratorio de Realidades Intanxíbeis
David Glowacki é o fundador do grupo de investigación Laboratorio de Realidades Intanxíbeis (IRL, polas súas siglas en inglés), que a partir de agora terá a súa sede no CiTIUS.
Glowacki ten traballado amplamente na aplicación da Realidade Virtual á simulación e visualización científica interactiva. As súas achegas científicas dan fe da súa versatilidade: ten publicado en ámbitos tan distintos como a física molecular de non-equilibrio, a dinámica clásica e cuántica, a bioquímica computacional, a interacción persoa-ordenador, a computación de alto rendemento, os gráficos por computador, os algoritmos evolutivos, a aprendizaxe automática (Machine Learning) e a ciencia de datos, a estética dixital, a arte computacional interactiva, a relixión e o poder, a teoría cultural, a óptica ou o desenvolvemento de instrumentos científicos.
As obras de arte computacional inmersivas nas que David Glowacki traballou ao longo dos anos foron experimentadas por máis de 200.000 persoas en tres continentes.

PUBLICIDADE