O primeiro capítulo de AR-K estréase de balde na App Store

xoves, 21 de marzo do 2013 Marcus Fernández

Nos últimos días chegou á App Store sen facer ruído o capítulo 1 do xogo galego AR-K de Gato Salvaje Studio, unha aventura gráfica desenvolvida na Coruña que apostou polo clásico estilo point and click, aínda que con gráficos xerados en 3D e destacando especialmente pola súa dobraxe profesional en varias linguas (con voces recoñecidas como as de María Castro e Antonio Durán-Morris).
Tras unha tibia acollida do xogo para PC, e un fracaso en Kickstarter, os seus responsables optaron por atreverse a lanzalo para dispositivos móbiles, onde os xogos point and click están a vivir unha segunda xuventude, e para chegar á meirande parte de público posible nesta primeira entrega, ofrécese de balde, de xeito que calquera posuidor dun dispositivo con iOS (é compatible con iPhone 4, iPod Touch de cuarta xeración e iPad 2 e posteriores) pode gozar de horas desta aventura gráfica que tamén ten previsto chegar a Android nas vindeiras horas.
Agardemos que unha vez completado o relanzamento deste primeiro capítulo do xogo poidamos ver a seguinte entrega das aventuras de Alicia, nas que levan meses traballando dende Gato Salvaje.

A mecánica point and click consegue adaptarse a pantallas táctiles dun xeito natural
AR-K ofrece gráficos modelados en tres dimensións
O iPad é o primeiro dispositivo móbil que recibe este xogo coruñés

PUBLICIDADE