O primeiro xogo de Gears of War terá versión para PlayStation 5

luns, 5 de maio do 2025 Marcus Fernández

Hai preto de 10 anos a consola Xbox One recibiu o xogo Gears of War: Ultimate Edition, unha versión da primeira entrega do clásico de Epic Games para Xbox 360 cunha profunda remasterización e moternización (incluíndo tamén 5 capítulo de campaña inéditos) que así podía gozar con gráficos a 1.080p e 60 imaxes por segundo.
Agora Microsoft anuncia a recuperación deste xogo baixo o título de Gears of War Reloaded, que como podemos adiviñar, inclúe agora gráficos en 4K con animacións a 60 imaxes por segundo na campaña e 120 imaxe por segundo no multixogador, contando tamén con outras tecnoloxías actuais como HDR, Dolby Vision ou VRR, que permiten gozar deste xogo como se estivese desenvolvido para unha máquina actual, e que os que adquirisen a Ultimate Edition recibirán como actualización de balde, mentres que o xogo por separado venderase a prezo reducido (39,99 dólares nos EE.UU.).
A grande novidades nesta ocasión é que falamos dun xogo con xogo cruzado e progresión cruzada entre plataformas Xbox Series X|S, PC e PlayStation 5, ou sexa, que os usuarios dunha consola de Sony poderán por primeira vez xogar a un título dunha das franquías estrela de Xbox.
O lanzamento deste xogo está previsto para o 26 de agosto, podendo xa incluírse na lista de desexos das plataformas nas que estará dispoñible.

Con esta nova versión Gears of War experimenta o seu segundo salto de resolución