O programa Iniciativa Xove vén con 400.000 euros para impulsar a creación de 79 proxectos
venres, 8 de agosto do 2025
A Consellería de Cultura vai destinar preto de 400.000 euros á posta en marcha de 79 proxectos liderados pola mocidade de entre 18 e 30 anos. O programa Iniciativa Xove apoiará 69 iniciativas de asociacións xuvenís e 10 grupos de informais.
Con este programa, a Consellería quere “impulsar a participación da mocidade en proxectos propios, actividades concibidas polos mozos e mozas nas que participen de forma activa e directa, facilitando así que sexan eles os que asuman a execución e a administración dos recursos”.
Trátase dunha iniciativa dirixida a asociacións xuvenís, a entidades prestadoras de servizos á xuventude e as súas respectivas federacións, e tamén a grupos informais compostos por un mínimo de cinco persoas e un máximo de oito, que queiran realizar algunha das accións recollidas para a subvención e estean empadroadas nalgún municipio da Comunidade.
Como novidades deste ano, dáselle unha especial valoración ás iniciativas que teñan unha vocación de permanencia no tempo de cara a favorecer a empregabilidade, o emprendemento e o cooperativismo, así como tamén se outorga un recoñecemento conmemorativo do programa aos tres proxectos con maiores puntuacións.
Os proxectos beneficiarios, desenvólvense en territorio galego, e tratan sobre varias áreas de actuación como é a promoción de hábitos saudables e prevención de condutas de risco ou violentas entre a poboación xuvenil; a sensibilización e loita contra calquera forma de discriminación, en especial contra a violencia de xénero, e o fomento da inclusión social e laboral e da accesibilidade da mocidade pertencente a colectivos vulnerables. Tamén abrangue propostas que impulsen actitudes creativas e innovadoras da xuventude na súa contorna, e as que teñan que ver co ámbito do emprendemento e a empregabilidade, facendo fincapé na promoción de sectores emerxentes vinculados coas Tecnoloxías da Información e a Comunicación, as TIC.
Ademais, inclúense iniciativas relacionadas coa participación e o apoderamento das mulleres, a promoción do benestar emocional e outras que potencian actitudes e hábitos sustentables e de concienciación sobre o cambio climático, así como a posta en valor do patrimonio cultural e natural e, especialmente, do Camiño de Santiago e o fenómeno xacobeo. A transmisión dos oficios tradicionais galegos, o desenvolvemento do medio rural e a dinamización da lingua galega entre a mocidade son outras das cuestións que se destacan no marco destes proxectos.
Desde a posta en marcha en 2010 de Iniciativa Xove, a Xunta de Galicia destinou preto de 7,5 millóns de euros a este programa, un investimento que permitiu financiar máis de 1.840 proxectos promovidos polos mozos e mozas a través de asociacións, entidades xuvenís e grupos informais.
