O proxecto NORAVES para o seguimento de aves mariñas con GPS releva comportamentos descoñecidos das especies

mércores, 23 de xullo do 2025 S. P.

O CEIDA (Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia) fixo balance do proxecto NORAVES para a monitoraxe de aves mariñas galegas, desenvolvido polo CEIDA en colaboración co Centro Oceanográfico da Coruña (IEO-CSIC), a ONG SEO/BirdLife e a cooperativa Cory’’s. No balance destácanse os “resultados espectaculares no seguimento das nosas aves litorais mediante tecnoloxías GPS-GSM”. O emprego das novas tecnoloxías, engádese, “revelou comportamentos ata agora descoñecidos que son clave para a conservación destas especies e a súa coexistencia coa actividade pesqueira”.
Durante esta primavera, os investigadores de NORAVES instalaron dispositivos GPS en 10 exemplares de pardela cincenta e 6 de gaivota patiamarela, residentes en colonias de cría da costa galega, “obtendo datos sen precedentes sobre os seus movementos no mar”, sinalou o centro con sede en Oleiros (A Coruña). Segundo Sergio París, investigador do CEIDA, “a declaración de todo o mar galego como ZEPA obríganos a buscar fórmulas innovadoras que garantan a coexistencia entre a conservación das aves mariñas e a pesca, que é fundamental para moitas familias do noso litoral. Os datos que estamos a obter con estas tecnoloxías GPS-GSM son revolucionarios e permítennos entender por primeira vez os movementos reais das aves no mar".

Viaxes asombrosas da pardela cincenta

Explica o investigador que os resultados máis sorprendentes corresponden á pardela cincenta, unha ave peláxica de hábitos moi oceánicos que dende hai poucos anos estableceu poboacións reprodutoras nos illotes da costa galega. Un dos exemplares, denominado "furabocho" polos investigadores, realizou “unha travesía épica” de 13 días na que percorreu 6.500 quilómetros ata o centro do océano Atlántico, chegando a tan só 600 quilómetros da plataforma continental de Terranova (Canadá).
Durante os 14 días que durou esta viaxe (que segundo lembra o CEIDA equivale á distancia entre Galicia e Paquistán), a súa parella permaneceu no niño chocando o seu único ovo, sen moverse nin alimentarse.
Outro dato relevante é o rexistro máis setentrional dunha pardela cincenta galega, que se desprazou ata o paralelo 54º (á altura de Irlanda do Norte), detectándose en xeral viaxes máis longos e ao norte dos previamente documentados.

Especialización das gaivotas patiamarelas

Parella de lampareiros ou gabitas

No caso das gaivotas patiamarelas, os resultados revelan “unha elevada especialización individual que reflicte a súa coñecida capacidade de adaptación”. Así, no informe sinálase que “mentres algunhas gaivotas amosan un comportamento estritamente mariño, realizando patrullas diarias de varias horas ata 80 quilómetros da costa, outras son eminentemente terrestres, alimentándose en prados, cultivos, explotacións gandeiras do interior ou no vertedoiro de SOGAMA”.
Esta información, apunta o CEIDA, “é fundamental para a conservación dunha especie que presenta un grave declive poboacional de causas aínda non esclarecidas”.

Mapeo da actividade pesqueira

Para o CEIDA, un dos principais valores do proxecto NORAVES é a colaboración entre entidades especializadas en diferentes áreas de coñecemento, combinando a experiencia en biodiversidade mariña coa bagaxe en actividade pesqueira para obter “unha visión integral do ecosistema mariño galego”. A través do seguimento da flota pesqueira durante os últimos anos, o Centro Oceanográfico da Coruña xerou mapas da distribución espacial e temporal das principais artes de pesca. Segundo Lucía Cañás, investigadora principal do IEO no proxecto NORAVES, "é importante saber onde actúa a flota para buscar esas zonas de puntos comúns entre as actividades pesqueiras e as aves. Necesitamos caracterizar tanto a flota industrial de artes maiores como menores, e referenciar nun mapa o esforzo pesqueiro para identificar onde pode haber capturas accidentais de aves".

A tecnoloxía GPS-GSM revoluciona o coñecemento

Os dispositivos GPS-GSM están revolucionando o coñecemento da distribución e actividade das aves mariñas no mar. Trátase de aparellos de poucos gramos que se instalan temporalmente no corpo das aves e rexistran en tempo real todos os seus movementos. Incorporan GPS para posición, profundímetro para rexistrar mergullos, paneis solares para recarga e tecnoloxía GSM para conexión á rede e descarga diaria de datos.
A información obtida, xunto coa proporcionada polo Centro Oceanográfico da Coruña sobre a flota pesqueira e os datos que achegará Cory’’s no mar Cantábrico, permitirá identificar as zonas de maior interacción entre aves mariñas e actividade pesqueira.
O obxectivo final de NORAVES é determinar estas zonas de risco para, en colaboración co sector pesqueiro, identificar medidas adaptadas que garantan a coexistencia entre as aves mariñas e a pesca, un dos sectores clave da economía galega.