O remake de Toki chegará a Switch a finais de ano

venres, 6 de abril do 2018 Marcus Fernández

O videoxogo Toki foi un grande éxito en máquinas recreativas en 1989, chegando tamén a consolas de videoxogos e ordenadores persoais, e co gallo do seu 20º aniversario en 2009 Golgoth Studio anunciou que estaba a traballar no seu remake en alta definición, para o que redebuxaran os seus gráficos completamente.
Pese a que esperábase que o xogo chegase en 2010, Toki HD atopou motos atrancos no seu desenvolvemento, e unha luz de esperanza chegaba a primeiros de 2013, cando conseguiron que o xogo tivese suficientes apoios en Steam Greenlight para que o xogo puidese publicarse na principal plataforma de distribución de xogos para ordenador.
Tal impulso non foi dabondo, e a primeiros de 2016 Golgoth Studio publicaba un comunicado dando conta de que continuaban a traballar no xogo, pero non ousaban a dar unha data de lanzamento do mesmo, instando á súa páxina web para manterse informado ao respecto. O feito de que esta páxina web xa non exista daba a entender que o proxecto fora totalmente soterrado, polo que foi toda unha sorpresa que Microïds anunciase que o novo Toki verá a luz a finais de ano para Nintendo Switch, encargándose do seu desenvolvemento Pierre Adane e da dirección artística Philippe Dessoly (artista do xogo orixinal). Microïds incluso publica un par de imaxes do xogo para Switch, para dar unha maior confianza en que estamos ante un traballo avanzado que por fin traducirase nun produto real.

O xogo para Nintendo Switch contará cuns gráficos totalmente renovados, para que a súa experiencia de xogo en alta definición sexa satisfactoria

PUBLICIDADE