O reprodutor Winamp deixará de estar dispoñible tras o 20 de decembro

mércores, 20 de novembro do 2013 Marcus Fernández

Cando nos diriximos á páxina web de Winamp para descargar o anteriormente popular reprodutor multimedia atopamos unha mensaxe na que asegura que “Winamp.com e os seus servizos web asociados deixarán de estar dispoñible despois do 20 de decembro de 2013. Adicionalmente, os reprodutores Winamp Media non estarán dispoñibles para a súa descarga. Por favor, descarga a última versión antes de tal data. (..) Grazas por apoiar á comunidade de Winamp durante máis de 15 anos”. Deste xeito despídese do público o que chegou a ser o reprodutor musical máis empregado en ordenadores persoais, que foi perdendo relevancia ao longo do tempo (a última versión importante estreouse hai dez anos) ata converterse nun produto residual que non achegaba beneficios para os seus propietarios, de aí que opten agora pola súa eliminación, pese a ter pagado AOL a Nullsoft 80 millóns de dólares en accións en xuño de 1999 para facerse coa popular aplicación.
Entendemos que entre os servizos web asociados a Winamp que dirán adeus estará o director de emisoras de radio que empregan a tecnoloxía SHOUTcast, que estaban dispoñibles principalmente a través do reprodutor Winamp.