O vindeiro xogo de The Witcher funcionará con Unreal Engine 5

luns, 21 de marzo do 2022 Marcus Fernández

CD Projekt Red, estudio polaco que pasou momentos difíciles nos últimos meses por mor do complicado lanzamento de Cyberpunk 2077, xa está coa vista posta na súa vindeira superprodución, que confirma que volve á serie de videoxogos de The Witcher, iniciando unha nova saga da franquía.
Pero non só anunciaron que haberá máis xogos de The Witcher, senón que incluso detallaron que xa están a traballar na vindeira entrega dun xeito moi especial, xa que decidiron mudar do REDengine a Unreal Engine 5 grazas a un acordo estratéxico con Epic Games, de xeito que están comprometidos a traballar co seu motor gráfico, para o que colaboran estreitamente con Epic co obxectivo de adaptar o Unreal Engine ás experiencias de mundo aberto.
Polo momento non dan máis detalles sobre o novo xogo de The Witcher, como unha previsión do seu tempo de desenvolvemento ou a data de lanzamento, aínda que cómpre lembrar que The Witcher III: Wild Hunt estreará versión para as consolas de nova xeración no segundo trimestre do ano.

PUBLICIDADE