O xigante chinés Sinohydro adxudica a SIVSA o equipamento de catro novos hospitais en Perú

martes, 28 de setembro do 2021 S. P.

JPEG - 128.2 KB
Ángel Castro, director xeral de SIVSA MeQ (o terceiro pola esquerda.), con responsábeis de Sinohydro durante a sinatura do contrato.

A compañía pública chinesa Sinohydro, referente nacional e internacional en materia de enerxía e construción, pertencente ao grupo estatal Power China, vén de adxudicar á empresa galea SIVSA, a través da súa división de negocio en Perú SIVSA MeQ, o equipamento de catro novos hospitais que está a construír no país andino.
Os contratos veñen cun importe conxunto de arredor de 10 millóns de euros. En palabras da empresa galega, confirman a súa posición destacada no panorama peruano de equipamento sanitario, cunha vintena de centros sanitarios públicos e privados dixitalizados ao longo de algo máis dunha década coas súas solucións de xestión e información hospitalaria.
Os novos concretos, en concreto, abranguen o equipamento integral dos hospitais públicos de Cangallo, Cora Cora, San Miguel e San Francisco, que darán cobertura sanitaria a unha poboación de máis de 90 mil habitantes da provincia de Cangallo e zonas veciñas, de máis de 86 mil da provincia de Parinacochas, rexión de Ayacucho, a 47 mil da provincia de La Mar e zonas adxacentes e a máis de 9 mil habitantes da zona do Val dos Ríos Apurímac, Ene e Mantaro, respectivamente.
A través da súa división SIVSA MeQ, a empresa galega ofrece solucións médicas e integrais para todo tipo de infraestruturas hospitalarias, así como servizos que van desde o fornecemento, a instalación, o mantemento, a integración de sistemas informáticos ou a capacitación integral certificada de tecnoloxía médica e biomédica de última xeración.

PUBLICIDADE