Once demostradores e tres spin-off integran a oferta do sexto Inside the Lab, no CiTIUS
mércores, 18 de novembro do 2020- Celebración do Inside the Lab no CiTIUS nunha imaxe de Andrés Ruiz
O
Centro Singular de Investigación en Tecnoloxías Intelixentes da USC
(CiTIUS) vai fortalecer as ligazóns coas empresas e entidades da
nosa contorna a través da VI
Xornada de Demostración Tecnolóxica Inside the Lab, en
palabras do centro “a gran demostración tecnolóxica do CiTIUS”,
unha cita na que presentar, polo miúdo, o extenso potencial das
tecnoloxías e proxectos que abrollan do centro compostelán e dos
seus equipos. Será o 27 de novembro en formato en liña. O propósito
é “amosar aos representantes de organizacións públicas e
privadas as oportunidades que presentan os resultados de
investigación máis recentes”.
Ao
longo desta xornada atoparase unha selección de tecnoloxías en
avanzado estado de desenvolvemento, listas para ser transferidas á
industria e á sociedade. O evento virtual realizarase a través de
salas de vídeo-conferencia e require
inscrición previa a través dunha ligazón específica xa
habilitada. Once demostradores tecnolóxicos e tres spin-offs
integran a oferta deste ano.
Ademais
das tres spin-off creadas polo CiTIUS (Situm, Imagames e
InVerbis), estas serán as tecnoloxías que o CiTIUS presentará na
sexta edición de Inside the Lab:
·
Sistema para a identificación das zonas axeitadas para que un UAV
(dron) poida entregar unha mercadoría lixeira nas proximidades de
vieiros rurais, garantindo as normas de mobilidade e seguridade.
·
Resultados do proxecto europeo TRAFAIR, que aborda o desenvolvemento
dun servizo de monitoraxe, predición e publicación da calidade do
aire a escala urbana en cidades intelixentes.
·
Un xerador de explicacións aplicábel a calquera sector onde persoas
e sistemas intelixentes conviven diariamente (saúde, banca,
educación, servizos, industria, etc.). Está baseado en Intelixencia
Artificial explicábel, unha tecnoloxía emerxente que involucra
aspectos técnicos, pero tamén éticos e legais.
·
Ferramenta para a avaliación automática da calidade lingüística
de textos, tanto en castelán como en galego normativo por medio de
ferramentas de procesamento da linguaxe natural.
·
Software para a cuantificación automática e revisada de tecido
tumoral en imaxes histolóxicas de pulmón, para o estudo do cancro.
Opera en tempo real de forma precisa, fiábel e rápida.
·
Nodo sensor completamente autónomo con capacidade de colleitar
enerxía, con auto-arrinque non supervisado e comunicación sen fíos
Bluetooth. O sistema incorpora unha unidade de xestión da enerxía
desenvolvida no CiTIUS, capaz de operar a partir de 2.38 nW, o valor
máis baixo xamais alcanzado.
·
Ferramenta de aprendizaxe non supervisada, desenvolvida en
colaboración co INTECMAR (Instituto Tecnolóxico para ou Control do
Medio Mariño de Galicia), que mellora a toma de decisións dos
expertos do medio mariño, facilitando o control técnico e sanitario
dos produtos do mar.
·
Plataforma Big Data que analiza en tempo real os contidos e o
grao de credibilidade das publicacións relacionadas coa saúde en
redes sociais e é quen de predicir a credibilidade das informacións
publicadas neste ámbito.
·
Ferramenta gráfica para xerar vídeos sintéticos a partir de
parámetros de procura definidos por un usuario.
·
Sistema Orientado á Industria 4.0 para a predición de parámetros
de calidade de produto, en función do estado operativo dunha planta
industrial.
·
Demostrador de aprendizaxe automática multidispositivo, que ilustra
como aprende unha máquina imitando a múltiples persoas, con
aplicacións reais de gran potencial.
Para
participar en Inside the Lab VI é preciso
realizar inscrición previa de xeito gratuíto na web oficial do
evento.