Os MacBook Pro renóvanse mellorando en potencia, autonomía e pantalla

luns, 18 de outubro do 2021 Marcus Fernández

A grande presentación de Apple da pasada tarde centrouse nos novos ordenadores MacBook Pro de 14 e 16 polgadas, que estrean os chips M1 Pro e M1 Max, ofrecendo un rendemento e unha autonomía extraordinarios e a que probablemente sexa a mellor pantalla equipada nunca nun ordenador portátil.
Os MacBook Pro de 14 e 16 polgadas apostan por un grande rendemento gráfico funcionando tanto con batería coma conectados á corrente, aínda que o detalle máis visible destes novos equipos sería o seu deseño, cunha pantalla de marcos tan reducidos que a súa cámara FaceTime HD a 1080p ten que albergase nunha pestana superior central como fixeron os iPhone nos últimos anos.
As novas pantallas Liquid Retina XDR dos MacBook Pro ofrecen unhas imaxes cun nivel de detalle impresionante e un contraste elevado, como xa vimos nos últimos iPad Pro de 12,9 polgadas, resultando ideais para visualizar e editar fotografía e vídeo. Grazas ao uso da tecnoloxía mini-LED as novas pantallas conseguen chegar até os 1.000 nits de brillo e a un contrate de 1.000.000:1, unha boa reprodución do HDR e incluso unha frecuencia de refresco adaptable de até 120 Hz, conseguindo así unha grande fluidez nos movementos. Tamén podemos destacar que as dimensións reais das pantallas son de 14,2 e 16,2 polgadas, superando aos modelos anteriores da compañía da mazá.
A nova webcam dos equipos tamén permite unha captación de imaxes moi superior ao que estamos afeitos en equipos de Apple, e os seus micrófonos tamén achegan unha grande calidade de xeito que as videoconferencias dende un MacBook Pro serán de grande calidade, á vez que tamén teremos 6 altofalantes que achegan un son cun bo nivel de volume e cunha grande fidelidade.
Resulta especialmente rechamante que os novos MacBook Pro decidisen traer de volta numerosas conexións físicas, e agora poderán presumir de 3 portos Thunderbolt 4 para periféricos, lector de tarxetas de memoria, un porto HDMI, unha toma de audio mellorado e incluso un conector de carga MagSafe 3. Unha novidade que agradecerán especialmente os profesionais que se movan moito, e que non queiran ter que cargar con adaptadores cando, por exemplo, teñen que realizar unha presentación nunha pantalla allea. Tamén atendendo aos gustos de moitos usuarios decidiron prescindir da Touch Bar e incorporar teclas de función físicas, polo que non falta quen considera que estamos ante unha viaxe de 6 anos ao pasado no que se refire a certos elementos físicos do produto.
Pero o punto forte destes novos portátiles son os seus grandes procesadores, o M1 Pro e o M1 Max, que permiten levan un paso adiante a tecnoloxía Apple Silicon, que adáptase a usos máis profesionais (como a edición de vídeo) podemos manter un equipo lixeiro, silencioso e con boa autonomía.
O M1 Pro ten unha CPU de 10 núcleos (8 de rendemento e 2 de eficiencia) e unha GPU de até 16 núcleos, o que supón un 70% máis de rendemento que un M1 e até o dobre de rendemento a nivel gráfico, podendo traballar con até 32 GB de memoria unificada, polo que achega moita potencia para os que precisan traballar con grandes ficheiros (fotográficos ou de vídeo).
Máis avanzado sería o M1 Max, con 10 núcleos de GPU e até 32 núcleos de GPU, de xeito que sería até 4 veces máis rápidos que un M1 e podería mover até 64 GB de memoria unificada, polo que sería apto para traballar en escenarios moi esixentes, como cando se traballa con vídeo profesional en 8K.
Esta potencia non impide que presuman de autonomía, e o MacBook Pro de 14 polgadas ofrece até 17 horas de reprodución de vídeo (7 horas máis que o modelo anterior), mentres que o modelo de 16 polgadas chegaría até as 21 horas de reprodución (10 horas máis que o modelo anterior). Aseguran que os desenvolvedores poderán compilar 4 veces máis código e os fotógrafos podería dobrar o tempo de edición con Lightroom con estes novos equipos, o que é posible grazas ao salto dende os procesadores de Intel aos de Apple, sen que iso supoña un cambio importante no prezo.
O MacBook Pro de 14 polgadas parte dun prezo de 2.249 euros (con 16 GB de memoria e 512 GB de almacenamento) e chega aos 2.749 euros (con 1 TB de almacenamento), mentres que o modelo de 16 polgadas parte de 2.749 euros (con 16 GB de memoria, 512 GB de almacenamento e procesador M1 Pro) e chegaría até os 3.849 euros (con 32 GB de memoria, 1 TB de almacenamento e procesador M1 Max). Uns prezos de base claramente dirixidos a un mercado profesional, que no caso de optar por configuracións máis completas que as de referencia poderían chegar até os 6.839 euros dun MacBook Pro de 16 polgadas con 64 GB de memoria, 8 TB de almacenamento e procesador M1 Max.

Vídeo promocional dos novos MacBook Pro

PUBLICIDADE