Os Pixel 2 son os primeiros smartphones en integrar eSIM

xoves, 5 de outubro do 2017 Marcus Fernández

A presentación dos novos smartphones da familia Pixel de Google agochaba unha sorpresa que inicia unha revolución no sector da telefonía móbil do que aínda é difícil prever o impacto a longo prazo, xa que estes novos trebellos, aparte de poder funcionar con tarxetas nano SIM, levan no seu interior unha tarxeta SIM integrada, de xeito que para facer funcionar este dispositivo cun operador non será preciso introducirlle unha tarxeta SIM ordinaria, o que facilita dende a posta en funcionamento do terminal até o cambio de compañía móbil, xa que elimínanse as esperas por mor do envío das tarxetas físicas, o que pode ser unha grande ameaza para as tendas de telefonía físicas e disparar as portabilidades a longo prazo.
As eSIM están recoñecidas polas industria dende hai bastante tempo, e durante e supostamente a súa implantación tería que ser masiva a nivel mundial para accesorios como os smartwatches dende a primeira metade de 2016 e pasar a aplicarse aos smartphones na segunda metade de 2016, pero os fabricantes non parecían estar pola labor, e en España a única compañía que polo momento avanzou algo neste eido foi Orange ao comercializar hai preto dun ano a un prezo moi atractivo o reloxo Samsung Gear S2 Classic 3G con eSIM.
Precisamente hai moitos consumidores que están a esperar que as compañías dean o paso de abrazar esta tecnoloxía para, por exemplo, poder gozar en España do novo Apple Watch con soporte de LTE (que polo momento non se vende no noso territorio), e o feito de que Google, en vez de dar o salto para dispositivos como os reloxos con Android Wear o fixese directamente cos seus móbiles insignia supón todo un golpe sobre a mesa, que sen dúbida levará a moitos fabricantes a seguir os seus pasos nos vindeiros meses.

PUBLICIDADE