Os Premios EGANET destacan o mellor do sector TIC galego na súa décima edición

venres, 31 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET) celebrou por décimo ano consecutivo os seus Premios para salientar os proxectos galegos do sector TIC que pola súa actividade punteira, a súa capacidade innovadora e o seu impacto económica e social merezan estar presentes neste escaparate que é unha excelente mostra do volume de proxectos tecnolóxicos que se están a desenvolver dende Galicia.

O presidente da RAG agradeceu o galarón para o Portal das Palabras


O acto de entrega dos X Premios EGANET estivo conducido por Marisol Vázquez (Grupo Affines) e Eloy Gesto (Escuela Inventa), promotores de OpenYourMindSCQ, e comezou dando a coñecer o que consideraron merecedor de recibir o premio ao mellor proxecto colaborativo TIC, que non foi outro que o Portal das Palabras, presentado por Imaxín Software, a Real Academia Galega (RAG), a Fundación Barrié e CG Produccións. Xesús Alonso Montero, presidente da RAG, foi o encargado de agradecer este Premio, salientado a importancia da palabra para a nosa cultura e sociedade.
O premio á mellor aplicación software irá a parar a SmartNauTic, un navegador náutico en realidade aumentada presentado por Human Soft; como mellor proxecto de comunicación dixital premiouse o traballo desenvolvido no Castelo da Rocha Forte, unha iniciativa do Concello de Santiago de Compostela; e como negocio en liña o máis destacado foi o programa de fidelización e comercio electrónico de Disashop, Un Puntazo.

CreAPPcuentos recibiu o recoñecemento do público como mellor proxecto emprendedor TIC


Os devanditos premios foron elixidos por un amplo xurado de profesionais do sector, pero para recoñecer ao mellor proxecto emprendedor TIC optouse polo voto popular a través de Facebook, o que levou a subliñar o proxecto CreAPPcuentos, que nas últimas semanas recibiu máis recoñecementos, como mostra do atractivo que ten esta solución para a creación de contos personalizados dende tablets.

Os socios de EGANET destacaron este ano o papel do programa Banda Ancha da Radio Galega


Os socios da Asociación tamén acordaron entregar este ano o Premio Especial EGANET ao programa Banda Ancha da Radio Galega, polo seu labor para divulgar entre os galegos o papel do sector TIC na nosa sociedade. Recolleu o premio o director do programa, Xosé María Fernández Pazos, quen tivo a ben destacar tanto a necesidade de divulgar sobre tecnoloxía facendo uso da nosa lingua como a riqueza que ten o sector tecnolóxico na nosa comunidade autónoma, como demostraron os centos de proxectos que pasaron polo espazo radiofónico durante máis de catro anos.

O colofón da gala foi o tradicional discurso do presidente de EGANET, Víctor López (AVA Soluciones Tecnológicas), que deixou a súa habitual postura reivindicativa para amosarse máis optimista, querendo transmitir a sensación de que estamos no bo camiño para poder saír da crise actual.

Fotografía de familia dos finalistas dos Premios EGANET deste ano

PUBLICIDADE