Os avances en microbioma e en procesamento da linguaxe natural centraron os novos Almorzos TIC Talk do CITIC

martes, 30 de setembro do 2025 S. P.

O CITIC acolleu este martes 30 de setembro unha nova sesión dos Almorzos TIC Talk, na que investigadores internacionais compartiron innovacións que combinan ciencia de datos, biomedicina e procesamento da linguaxe, mostrando como a tecnoloxía pode transformar a investigación e a práctica clínica.
Ayesha Wasim, doutoranda no CITIC dentro do programa MCSA COFUND, presentou o seu traballo sobre algoritmos e análise de datos aplicados ao microbioma en cancro colorrectal. A súa investigación céntrase en crear procesos automáticos e reproducibles que permitan identificar patróns microbianos consistentes entre diferentes hospitais, un paso fundamental para validar biomarcadores clínicos fiables.
O CITIC destaca que “entre os achados salientan especies bacterianas cuxa presenza podería influír no desenvolvemento do cancro a través da inflamación, o metabolismo ou a resposta inmune”. Wasim adiantou que o próximo desafío será diferenciar cepas patóxenas de comensais e vincular xenes microbianos con rutas metabólicas e inmunolóxicas.
Pola súa banda, Muhammad Imran, contratado tamén dentro do programa Marie Curie, presentou un enfoque innovador para o procesamento da linguaxe natural que combina precisión e velocidade. A súa técnica converte a análise sintáctica nunha tarefa de etiquetado de secuencias, logrando procesar ata mil frases por segundo sen perder exactitude. Isto non só mellora a análise de sentimentos, senón que tamén potencia o recoñecemento de entidades en textos biomédicos, superando en varios casos aos sistemas tradicionais.
“Ambos os dous relatores coincidiron nun punto clave: a eficiencia e a reproducibilidade son esenciais para trasladar os avances científicos ao mundo real, xa sexa en medicina ou en tecnoloxía”, salientaron fontes do CITIC.