Os bibliotecarios galegos súmanse á iniciativa internacional para facilitar o préstamo de ebooks

martes, 22 de abril do 2014 Redacción

Os libros electrónicos non teñen, polo de agora e en termos xerais, as mesmas facilidades cós tradicionais á hora de achegárense en réxime de préstamo cara aos usuarios das bibliotecas. Os principais atrancos adoitan vir da man dalgunhas editoriais, que poñen trabas en materia de licenzas por mor de certa inquietude ante estes novos formatos e os supostos riscos que terían para os seus dereitos e os dos seus autores. Pois ben, estes atrancos están a ser combatidos a nivel internacional polos integrantes da iniciativa The right to e-read, creada pola Asociación EBLIDA (European Bureau of Library, Information and Documentation Associations) para permitir que os lectores teñan as portas abertas cara as novidades literarias en feitura dixital. Pois ben, segundo puidemos saber ao remate da Semana Santa, os bibliotecarios galegos véñense de sumar a esta campaña.
Máis polo miúdo, a plataforma ANABAD-Galicia, que esixe por unha banda o dereito “a mercar libros electrónicos a prezos xustos e con condicións de uso razoábeis”, e por outra banda a emprazar a certas editoriais a que se animen a vender ás bibliotecas e centros de lectura as súas novidades e lles perdan o medo aos novos formatos e ao coñecemento dixital, sendo como son instrumentos fundamentais de acceso á cultura e aos libros para as novas xeracións ou para as persoas que non teñen a capacidade económica para mercar libros tradicionais (xeralmente máis caros). E engaden: “Queremos que toda a cidadanía, non só as persoas que os poidan pagar, se beneficien do acceso libre aos libros electrónicos nas bibliotecas”.
Para acadalo, propoñen que se negocien modelos de licenza equitativos e que todo o que se dispoña comercialmente ao abeiro do ámbito electrónico, no mercado, tamén estea dispoñíbel para a súa compra e acceso por parte das bibliotecas, e de xeito simultáneo á súa saída ás tendas en liña. Isto complementarase, sinalan, cun xusto pagamento aos autores polo préstamos dos seus libros electrónicos, igual que se fai cos seus libros en papel, “ampliando o Dereito de Préstamo Publico mediante a inclusión do préstamo do ebook nas bibliotecas”. O problema é que a día de hoxe, sinalan, os escritores non reciben compensacións pola achega de libros electrónicos nas bibliotecas.

PUBLICIDADE