Os comerciantes da Compostela vella, en pé de guerra polo mal servizo de Internet e telefonía

martes, 21 de xaneiro do 2020 Fernando Sarasketa

Os responsábeis de Compostela Monumental nunha xuntanza recente co alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo

Malia os plans iniciados pola axencia autonómica AMTEGA e o Concello para permitir que a veciñanza que vive nas zonas máis antigas de Santiago conte cun servizo de Internet de calidade, segue perpetuándose unha situación que se remonta a hai décadas: as precarias condicións nas que teñen vivir empresas e fogares en materia de comunicacións nas ditas contornas urbanas. Esta situación vén de ser denunciada por Compostela Monumental, que este martes lanzou duras críticas contra as operadoras Vodafone e Telefónica por, informa a asociación, “ter deixado aos comerciantes da zona histórica sen liña telefónica e Internet durante unha semana”.
Segundo advirte a entidade, os problemas de servizo complican e moito a actividade comercial e empresarial da zona, e non deixan moitas marxes para os plans de revitalización e postas en valor demográfica que se poidan executar no casco vello.
“É unha situación límite e que non pode esperar mais tempo a ser solucionada”, explica o xerente de Compostela Monumental, José Ángel Blanco, engadindo que arestora hai “unha alta porcentaxe de de comerciantes usuarios de ambas as operadoras que levan unha semana sen teléfono nin conexión a Internet, e a outros moitos clientes cáeselles a conexión cada dúas por tres, así non se pode traballar”. A asociación recoñece que hai moitos empresarios que se ven impotentes “ao non poder recibir unha solución de urxencia a este problema”, o que ocasiona que contacten coas operadoras para tentar emendar o problema, derivando en longas esperas que non conducen a nada.
Compostela Monumental sinala que algúns comerciantes decidiron presentar unha denuncia directamente na Comisaría de Policía de Santiago, xa “que a ausencia de conexión telefónica está a afectar aos sistemas de seguridade dos negocios e queren deixar constancia diso para responsabilizar de calquera suceso a Vodafone e Movistar”.
Desde Compostela Monumental xa denunciaron no seu momento irregularidades desta índole en materia de comunicacións, e mesmo o mal funcionamento destes servizos ao longo de todos os meses do ano, “onde a conexión a Internet non alcanza nin 1 Mbps de velocidade, cando se está pagando por 20 Mpbs”.

PUBLICIDADE