Os creadores de CreAppcuentos prevén acadar 100.000 descargas en 2015
martes, 23 de decembro do 2014
A aplicación infantil
CreAppcuentos, ferramenta
galega que iniciou a súa andaina a finais do ano pasado da man dos
emprendedores Avelino Correa e Antonio Escudero, ten previsto
facturar 100.000 euros o ano que vén e acadar as 100.000 descargas.
A app cumpre así un ano de
vida logrando todo tipo de éxitos e recoñecementos e mergullada nun
panorama de bonanza para este tipo de desenvolvementos lúdicos, un
panorama que Correa e Escudero cualifican de “crecemento para as
novas tecnoloxías adaptadas á educación” Neste escenario,
engaden, “CreAppcuentos continúa abríndose mercado para acadar
resultados óptimos en relación ao usuario, tanto nenos como pais, e
para fomentar a imaxinación e a aprendizaxe dos pequenos a través
de personaxes dos contos de sempre coa creación de novas historias
inventadas”.
Desde que puxeron no
mercado a app, hai polo tanto un ano, os responsábeis da
aplicación conseguiron 17.000 descargas así como estar presentes en
50 centros educativos nos que utilizan CreAppcuentos cos alumnos para
incentivar a formación a través do conto. “Para seguir fomentando
a educación dunha maneira diferente”, explican, “o ano vindeiro
queremos aumentar o número de centros educativos que conten coa nosa
iniciativa e estar polo menos en 200 colexios de toda España”.
Arestora, a gran
finalidade da compañía é continuar medrando dentro do sector
educativo para ser “unha ferramenta funcional que permita formar a
nenos de maneira amena ao mesmo tempo que adaptarse ás novas
tecnoloxías”. En 2015, a compañía continuará actuando no
mercado español con vistas ao estranxeiro a través da RSC
(Responsabilidade Social Corporativa). Mediante obradoiros,
CreAppcuentos iniciará distintas accións en hospitais, colexios e
asociacións sen ánimo de lucro, do mesmo xeito que o fará a nivel
internacional en Estados Unidos e no resto de Europa.
Outros dos obxectivos é
realizar melloras dentro da aplicación grazas ao equipo de
deseñadores e desenvolvedores que traballan nela para adaptala de
maneira axeitada ás peticións por parte dos usuarios e converterse
“nun recurso educativo eficaz para o sector”.