Os creadores do videoxogo AR-K apostan forte polo galego

martes, 6 de setembro do 2011 Fernando Sarasketa

O estudo coruñés Gato Salvaje segue darnos alegrías coa súa intensa e innovadora actividade no eido dos videoxogos. Logo da recente presentación da primeira entrega da súa aventura AR-K, a primeira dunha serie de cinco, volven á vangarda da actualidade do lecer virtual coa adaptación á nosa lingua deste capítulo de apertura da súa saga, Sexo, mentiras e traballos de clase. O videoxogo, que tamén se distribúe en castelán, inglés e alemán, contou para a súa posta en longo en galego coa participación activa da actriz María Castro, quen dobra á protagonista, Alicia, unha estudante de xornalismo “que vive nun futuro utópico”, como sinalan os responsábeis de Gato Salvaje, un grupo de mozos da cidade da Coruña, emprendedores e, tal e como eles mesmos sinalan, comprometidos coa súa terra. Así se explica, entre outras cousas, esta aposta polo galego, materializada poucos meses despois de que o xogo, nas súas primeiras versións, conseguise os parabéns dunha boa parte da crítica especializada estatal.
A versión en galego aparece agora”, engade Sergio Prieto, un dos creadores do xogo, “porque dende o comezo foi un proxecto pensando dende Galicia, para demostrar que facer produtos na nosa lingua pode ser rendible, por iso foi a versión na que máis cariño puxemos”.
Como dixemos, para esta nova achega, os responsábeis de Gato Salvaje contaron co labor e a experiencia de actores e actrices profesionais da nosa terra, como por exemplo a devandita María Castro, á que cómpre engadir a Antonio Durán Morris, Miguel Pernas ou Andrés Bellas, “profesionais de longo percorrido” en palabras dos creadores desta aventura gráfica. Por certo que o equipo gravou na propia cidade da Coruña as versións en castelán e galego, pero para a adaptación ao inglés foi preciso realizar o desenvolvemento do traballo en Londres mesmo. A versión en alemán levouse a cabo traducindo directamente os subtítulos.
O videoxogo, informan dende o estudo coruñés, recibiu críticas moi positivas en webs especializadas, e acadou unha nota media próxima ao 8. Así foi en sitios de recoñecido prestixio como Meristation, onde se salientou sobre todo o acabado técnico e, tamén, a personalidade ben rematada e definida da protagonista: “Unha sarcástica, fachendosa, cínica e absolutamente encantadora Alicia, á que sen dúbida botaremos de menos até dentro duns meses, novembro máis ou menos, cando Gato Salvaje saque ao mercado o segundo capítulo”.
A primeira entrega de AR-K, titulado Sexo, mentiras e traballos de clase, pode descargarse na web da empresa coruñesa por 5,95 euros. As razóns de ter presentado este traballo en entregas débense, informan, a un interese por rendibilizar ao máximo o investimento, abaratando custos e acurtando tempos de traballo. “Para competir nun mercado como o dos videoxogos con poucos recursos, é importante ter claros os límites que podes alcanzar. Por iso decidímonos por un produto independente, de baixo prezo, pero de alta calidade”, puntualiza Sergio Prieto.

Un pouco de historia

Prieto e os seus socios Javier Vara Calviño e Javier Vilar Ortiz tiveron a idea deste proxecto mentres o tres cursaban o máster de animación 3D MAISCA, na Universidade das Balears. En lugar de emigrar, decidiron investir a súa formación e coñecementos en desenvolver un produto innovador desde a súa propia terra. O resultado é un produto con sabor independente, pero cunha presentación gráfica moi por enriba do que adoita ser habitual en empresas pequenas. O seu mérito é maior, aínda, ao non contar os seus creadores con ningún tipo de axuda ou subvención oficial.

Esta aventura gráfica conta a historia de Alicia, unha estudante de xornalismo cuxa vida transcorre nunha sociedade utópica, onde todas as necesidades parecen estar cubertas. Con todo, vive en primeira persoa unha serie de acontecementos que lle fan dubidar do que cre saber sobre o seu mundo. O achado dun misterioso obxecto lévaa a introducirse nunha complicada trama de investigación, na que terá que detectar todas as mentiras que separan a aparencia da realidade.

PUBLICIDADE