Os estudantes galegos enchen as redes sociais de experiencias positivas coa súa lingua

luns, 4 de febreiro do 2019 Fernando Sarasketa

O IES Antón Alonso Ríos de Tomiño acolleu hoxe o peche da primeira edición do programa 21 días do galego e +, impulsado para ampliar os espazos de uso da nosa fala entre a comunidade escolar. A iniciativa, organizada polos Equipos de Dinamización da Lingua Galega en catro institutos da Comunidade, conseguiu na súa estrea unha importante cifra de participación e repercusión: a presenza activa de máis de 1.300 adolescentes e unha importante pegada en Internet, máis polo miúdo no blog do propio programa e nas redes sociais Facebook, Twitter e YouTube. No acto de hoxe tamén interveu Valentín García, secretario xeral de Política Lingüística.
Valentín García enxalzou na cita o compromiso ca lingua da mocidade participante na iniciativa, amais de salientar o importante papel despregado polo profesorado e o resto da comunidade educativa, que “apoiou o alumnado participante no programa”. Amais, quixo destacar “que 21 días co galego e + é un proxecto que funciona en positivo, promovendo o apoio da contorna e a comunicación entre adolescentes de distintos puntos de Galicia”, ao tempo que puxo o foco nas importantes posibilidades e vantaxes que se abren coa nosa lingua e no importante que é deixar constancia destas potencialidades e dos logros conseguidos nas redes sociais.
Canda o secretario xeral, no acto de clausura interviñeron Víctor F. Freixanes, presidente da Real Academia Galega (RAG); Sandra González, alcaldesa de Tomiño; Margarita Sanz e Iria Muñoz, directora e alumna do IES Antón Alonso Ríos, respectivamente, e Pilar Ponte, coordinadora do programa 21 días co galego e +. Tamén estiveron presentes uns 100 alumnos e alumnas en representación do conxunto dos que participaron no programa, ex-profesores do instituto, representantes da ANPA ou de asociacións culturais do concello de Tomiño.
Presenza en Internet e nas redes sociais
Até 1.316 alumnos e alumnas dos institutos A Pontepedriña (Santiago de Compostela), Antón Alonso Ríos (Tomiño), Ramón Otero Pedrayo (Ourense) e Francisco Daviña Rey (Monforte de Lemos) comprometéronse, en virtude do convite do programa clausurado hoxe, a falar soamente o galego as 24 horas do día durante as 21 xornadas que durou a actividade. As experiencias xerais e as reflexións xeradas polas mesmas foron plasmadas en diferentes vídeos que se difundiron a través do blog 21diascogalegoemais.gal e nas redes sociais da iniciativa, onde, segundo informou a organización, “foron seguidos por moitos outros adolescentes interesados na experiencia”. De feito, a canle YouTube rexistrou unhas 15.500 reproducións dos vídeos elaborados polo alumnado. Por outra banda, en Facebook a páxina de 21 días co galego e + foi visitada por 7.634 persoas diferentes, mentres que o alcance da de Twitter elevouse ata as 14.900 persoas.

PUBLICIDADE