Os fundadores de Instagram deixan a compañía

martes, 25 de setembro do 2018 Marcus Fernández

Nas últimas horas os máximos responsables e fundadores de Instagram, Kevin Systrom e Mike Krieger, publicaron un comunicado oficial no que amosan o seu agradecemento polos 8 anos que levan en Instagram e os 6 anos nos que traballan co equipo de Facebook, tempo no que pasaron dun equipo de 13 persoas a máis dun milleiro con oficinas por todo o mundo e unha base de usuarios de máis de mil millóns, para logo anunciar que van dicir adeus a este capítulo da súa carreira.
Systrom e Krieger aseguran querer tomarse un tempo para explorar de novo «a súa creatividade e curiosidade», na procura de ideas para novos proxectos que emprender, vestindo así de decisión persoal o seu abandono da compañía, mentres que algúns medios apuntan a que a súa marcha responde principalmente ás súas discrepancias con Mark Zuckerberg sobre a dirección que debería tomar Instagram.
Aínda que Instagram sobre o papel actuaba como unha compañía independente, cada vez ten un rol máis importante na estratexia xeral de Facebook, de xeito que Zuckerberg involucrábase en decisións do día a día, forzando a que Instagram estivese cada vez máis integrado en Facebook.
Repítese así o acontecido con WhatsApp, compañía tamén adquirida por Facebook, e da que os seus creadores remataron marchando por discrepancias coa dirección da compañía.

PUBLICIDADE