Os móbiles de R abandonarán a rede de Vodafone para operar baixo Orange

venres, 26 de febreiro do 2016 Marcus Fernández

Alberto García Erauzkin, presidente de Euskaltel

O operador vasco Euskaltel presentou os resultados do ano 2015, no que rexistrou un beneficio neto de 7,2 millóns de euros, tras incluír os gastos da saída da compañía ao mercado bolsista e os derivados da operación de compra do operador galego R, o que semella un resultado moi positivo (xa que se sen estes gastos extraordinarios tería un beneficio de 49,6 millóns de euros) ante os que o seu presidente, Alberto García Erauzkin, amosa a súa satisfacción, á vez que asegura que este ano non prevén adquirir ningún outro operador, xa que centrará os seus esforzos en dixerir a compra de R, sinalando os máximos responsables de Euskaltel que o grupo non vai realizar máis externalizacións e manterá ás 550 persoas do seu cadro de persoal.
Onde si comezan a notarse os resultados da absorción de R por parte de Euskaltel é na telefonía móbil, xa que confírmase a decisión de adxudicar a Orange a rede móbil para os clientes de Euskaltel e R, de xeito até o primeiro trimestre de 2017 realizarase a migración dos clientes de R de Vodafone a Orange, xustificándose esta medida pola negativa de Vodafone a ofrecerlle telefonía 4G.
Orange dará o servizo de móbil aos clientes de Euskaltel e R até 2019, cando negociarase un novo contrato, confiando o operador vasco en incrementar o número de clientes móbiles grazas ao pulo que supón o ofrecer conectividade 4G, marcándose como obxectivo a medio prazo chegar aos 600.000 clientes (actualmente teñen uns 550.000).
Sobre a ausencia do fútbol televisado na oferta de Euskaltel e R, os directivos da compañía aseguran que os prezos do fútbol eran desorbitados, e estiman que esta carencia só lles custou a baixa de 3.000 clientes.

PUBLICIDADE