Os nosos centros tecnolóxicos e universidades envorcan esforzos no Hack-At-Home contra a COVID

xoves, 18 de xuño do 2020 S. P.

O Hack-At-Home, o evento colaborativo virtual impulsado pola axencia GAIN para construír solucións físicas e dixitais para afrontar os cambios derivados da crise sanitaria, vai contar coa colaboración dunha manchea de entidades, organizacións, empresas e centros tecnolóxicos, entre os que se conta o CITIC da UDC, o Centro Tecnolóxico Gradiant, o AtlantTIC da UVigo, o CiTIUS da USC ou o ITMATI, aos que se suman empresas como Imatia e Televés ou, tamén, o Clúster TIC Galicia e as tres universidades galegas. A actividade celebrarase entre o 27 e o 30 de xuño. Os participantes traballarán en equipos arredor de cinco retos da industria, o comercio e o emprego. Haberá programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, empresas… todos unidos ante un reto común.
A actividade #HackAtHome xorde dun contexto específico, a aparición da COVID-19, e a necesidade de xerar novas ideas que nos axuden a adaptarnos e garantir a seguridade das persoas. A Xunta de Galicia, que impulsa esta iniciativa a través da axencia GAIN, proponse unir de forma remota a empresas tecnolóxicas, universidades e persoas innovadoras nun hackathon para desenvolver ideas coas que axudar á industria, ao comercio e ao emprego a construír, nas súas palabras, “unha nova realidade”.
Serán catro días de traballo intenso, en remoto, con actividades paralelas online e un pitching final de proxectos. Do 27 ao 30 de xuño, programadores, investigadores, deseñadores e estudantes traballarán en grupo para comezar a construír as solucións físicas e dixitais coas que afrontar os cambios que nos esperan; e a oportunidade para o tres mellores proxectos de continuar o seu desenvolvemento durante o seguintes seis meses co apoio das empresas participantes.
Amais, de maneira paralela ao hackathon haberá una serie de mini-eventos onde atopar inspiración para os traballos. Os proxectos desenvolvidos neses días serán valorados por un comité de expertos e os tres mellores terán un apoio económico de 1000 € e un seguimento específico durante seis meses por parte das institucións participantes no hackathon.
O prazo de inscrición está aberto ata o 21 de xuño e as persoas interesadas poden presentarse tanto individualmente como en grupo, pero todos os participantes formarán equipos de traballo para realizar os proxectos.
O tecido empresarial galego definiu cinco retos para afrontar a nova realidade provocada pola aparición do coronavirus. Arredor deses cinco retos traballarán os equipos multidisciplinares conformados por programadores, investigadores, deseñadores, estudantes, etc. que deberán buscar solucións tanto físicas como dixitais para afrontar os cambios do tecido empresarial ante a crise sanitaria.
O primeiro dos cinco eixo é a procura de solucións “de baixo contacto”: ideas para mellorar os espazos de traballo así como a xestión de produtos, materiais e ferramentas para evitar a dispersión do virus.
Un segundo reto pasa por repensar a venda ao público, buscando alternativas para incrementar a seguridade dos espazos comerciais e evitar o impacto negativo no volume de negocio.
A terceira liña é o teletraballo, tratando de acadar propostas para optimizar o traballo en remoto ou minimizar o contacto interpersoal nos sectores que requiran traballo presencial.
Un cuarto reto está enfocado á industria local e ás solucións para reducir as necesidades de desprazamento da industria tanto para a compra como para a oferta.
Finalmente, o quinto eido de traballo pasa por avanzar nun novo concepto de equipo, con solucións para coordinar equipos de traballo nun novo contexto de separación física.


PUBLICIDADE